O Porriño | O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañado polo deputado de Cultura, Jorge Cubela, e a delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, presentou hoxe a programación coa que o Concello do Porriño celebrará o centenario da súa Casa Consistorial, e o seu prato forte, a convocatoria da primeira edición dos Premios Antonio Palacios.
“Con estes galardóns queremos recoñecer e celebrar as contribucións sobresaíntes nos campos de Cultura, Empresa, Deporte e Compromiso Social”, explicou o rexedor, “Son un testemuño da excelencia e a dedicación de persoas e organizacións que, co seu traballo incansable, enriquecen a nosa sociedade”.
Serán cinco as categorías premiadas e “non só servirán para recoñecer aos/as gañadores/as, senón tamén para inspirar a outros a seguir os seus pasos e destacar logros que xuntos, forxan un futuro máis brillante para todos”.
Pola súa banda, o deputado Jorge Cubela destacou que “para a Deputación, que é a casa dos concellos, é unha honra apoiar a celebración destes premios” e “trasladou a felicitación do Presidente a todos os veciños e veciñas por esta efeméride, por cen anos máis e porque sigamos poñendo en valor a todos os persoeiros que contribuíron a facer máis grande a historia do Porriño e da provincia de Pontevedra”.
A representante autonómica, Ana Ortiz, engadiu que “lembrar a figura de Antonio Palacios é algo ao que todos debemos contribuír. É o arquitecto español máis destacado da primeira metade do século XX e a súa obra é fabulosa, tan só hai que contemplar o marabilloso edificio no que nos atopamos. Palacios soupo conxugar modernidade e tradición”.
O alcalde Alejandro Lorenzo, anunciou tamén que os premios se entregarán o día 15 de xuño, coincidindo do día en que se inaugurou, hai xa un século, a Casa do Concello. O premio será a reproducción dunha das esculturas máis emblemáticas da vila, a que preside a praza Arquitecto Antonio Palacios. “Quero agradecer enormemente a disposición do seu autor, o escultror Manuel Buciños, a que a súa obra sexa tamén a imaxe destes premios”, afirmou o rexedor.
Tamén anunciou que xa está disponible a nova páxina web https://antoniopalacios.oporrino.org/ onde se pode atopar toda a información sobre a figura e obra do arquitecto porriñés así como unha axenda dos actos conmemorativos do 150 aniversario do seu nacemento e o centenario da Casa Consistorial.
Premios cunha variedade de distincións
O Premio Antonio Palacios á Cultura recoñecerá a aqueles que coa súa creatividade e paixón, manteñen vivas as nosas tradicións e fomentan a innovación artística. O Premio Antonio Palacios á Empresa destacará a emprendedores e entidades que non só acadaron o éxito comercial, senón que tamén demostraron un compromiso coa responsabilidade social e o desenvolvemento sustentable.
O Premio Antonio Palacios ao Deporte recoñecerá a atletas, equipos e organización deportivas que demostraron excelencia na súa disciplina e promoveron valores como o traballo en equipo, a perseveranza e o xogo limpo. Pola súa banda, o Premio Antonio Palacios ao Social salientará a quenes fixeron contribucións significativas ao benestar da comunidade, exemplos de ocmpromiso cívico que pode xerar cambios positivos.
Por último o Concello do Porriño concederá o Premio Antonio Palacios de Honor en recoñecemento a toda unha vida. O rexedor, revelou hoxe o nome da primeira persoa que recibirá o galardón: Xosé Ramón Iglesias Veiga.
“Queremos render unha merecida homenaxe a alguén querido e respetado por todos no Porriño, Moncho Iglesias”, anunciou Lorenzo, “Moncho é alguén que deixou unha enorme pegada no noso pobo, non só pola súa faceta de historiador e escritor, tamén pola súa adicación como mestre durante máis de dúas décadas no IES Pino Manso”.
Iglesias Veiga escribiu infinidade de artigos e libros sobre o patrimonio arquitectónico na área de Vigo e fixo un enorme traballo de investigación arredor da figura e obra de Arquitecto Palacios. “O Porriño, a vila á que tanto amou, debíalle unha homenaxe”, concluíu o rexedor.
Programación Centenario da Casa Consistorial
09:30 h. I Concurso de Pintura Rápida. Pintando a Palacios
12:30 h. Concerto da Agrupación Musical do Porriño
19:00 h. Entrega de premios do Concurso de Pintura Rápida.
Pintando a Palacios
21:00 h. Himno Galego a cargo do grupo de gaitas Os Coribantes de Buchabade
21:05 h. Premios Antonio Palacios
22:00 h. Actuación Rubén Simeó e Christian Rodríguez
22:15 h. Concerto grupo de gaitas Os Coribantes de Buchabade
Remate: Espectáculo visual
Unha proposta para mellorar O Porriño
Alumnos e alumnas de 6º de Primaria do CEIP Fernández López visitan a Casa Consistorial para rexistrar unha proposta de mellora para a veciñanza do Porriño, un traballo escolar que espertou o interese do alcalde, Alejandro Lorenzo.
Para elaborar este traballo, a profesora de Proxecto Competencial, María Esther Carro Ramos, explica que se organizaron desde principios de curso. No primeiro trimestre os rapaces e rapazas elaboraron unha enquisa, coa que recopilaron información dos viandantes, da veciñanza e das súas propias familias. Traballaron os datos e, con gráficos, percatáronse dos aspectos máis demandados pola cidadanía.
Despois do Nadal, estudiaron a institución do poder popular de representación democrática, o funcionamento do sistema electoral e a participación cidadá fóra do que son as eleccións.
Por último, elaboraron unha presentación en PowerPoint sobre os cinco aspectos máis reclamados pola cidadanía que salientaba o seu estudio. Os tres temas máis votados polos alumnos de 5º e 6º e os profesores do colexio, foron os presentados por Rexistro na Casa do Concello. Esta era, precisamente, a última parte do proxecto, na que os alumnos e alumnas seguiran as cauces habituais de presentación de peticións nun concello.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, recibiu ao grupo de estudantes e a súa profesora e quedou impresionado co traballo de investigación que fixeron, salientando que “é moi importante prestar atención ás propostas de mellora de todos os cidadáns, especialmente da cativada, e, sobre todo, tratándose dun proxecto feito con tanto rigor e ilusión como este”. “Tomamos nota das propostas e xa estamos traballando nalgunhas delas das que xa tiñamos constancia”, conclúe Lorenzo.