Pontevedra | A Deputación de Pontevedra e Proxecta veñen de dar o tiro de saída ao “I Encontro Luso-Galaico de Festivais Audiovisuais” que concentrará no Salón de Plenos do Pazo Provincial en Pontevedra, entre o 17 e 18 de xuño, ao talento audiovisual de ambas beiras do Miño.
En total haberá 5 mesas de debate nas que participarán 23 persoas, 12 homes e 11 mulleres, e será clausurado por Ángel Sala, director artístico do Festival de Sitges. Carmela Silva, quen presentou o encontro xunto a Suso Nóvas (director de Novos Cinemas), Juan de Castro (director de Galician Freaky Film Fest) e Luis Rosales (director de Curtas Vilagarcía Festival do Imaxinario), destacou a importancia do evento para “sumar sinerxías, reflexionar conxuntamente, facer propostas e ter unha relación máis profunda do que xa temos para sumar potencia aos Rías Baixas Film Fest”.
“Trátase dunha idea extraordinaria, dun encontro moi potente” asegurou Carmela Silva quen augurou “continuidade” ao encontro e mesmo adiantou a posibilidade de amplialo a outros países con festivais audiovisuais de renome. Tamén aproveitou a ocasión para destacar “o talento e ambición” da xente da provincia, “que pon en marcha proxectos como os Rías Baixas Film Fest e Proxecta, que está a traballar para que os festivais audiovisuais da provincia e de Galicia teñan a forza suficiente para que isto se converta nun proxecto moito máis grande do que xa é”.
Ademais, a presidenta subliñou a relación da provincia coa cultura e co audiovisual xa que “mesmo cando comezaba a facer o seu percorrido na historia xa tiñamos aquí a xente facendo cinema” e remarcou a súa posición privilexiada, “con xente traballando en numerosos ámbitos do audiovisual con numerosos recoñecementos”. Por isto, remarcou a presidenta, “apostar polo cinema ten que ser un compromiso real de todas as administracións públicas”.
Pola súa banda, Suso Novás, director de Novos Cinemas e integrante da xunta directiva de Proxecta, agradeceu o apoio da Deputación na organización do “I Encontro Luso-Galaico de Festivais Audiovisuais” e remarcou que o seu principal obxectivo é “converter á provincia, aínda que xa o é, no núcleo de unión con Portugal, xuntando a todo o panorama que fai posible desenvolver os festivais audiovisuais”.
Neste eido, destacou que “os festivais non se poden facer sen moita xente e moi diversa, dende institucións ata a prensa, os centros de formación, equipos de produción, da crítica ou da dirección. Por iso pensabamos que este encontro tiña que dar acollida a todo este panorama”. Deste xeito, informou que o evento artellarase en cinco mesas que “visibilizan o que nós coñecemos e dan a coñecer a todo o mundo que os festivais, sen o concurso de toda esta xente, institucións e profesionais, non poderían desenvolverse”.
No “I Encontro Luso-Galaico de Festivais Audiovisuais” participaran os festivais que integran os Rías Baixas Film Fest e que forman parte de Proxecta, mentres que de Portugal daranse cita representantes da Asociación ao Norte, da Agência da Curta Metragem, da ESMAD (Escola Superior de Media Artes e Design de Porto), de Porto/Pos/Doc Film &Media Festival, do Festival Curtas Vila do Conde e do CINANIMA (Festival Internacional de Cinema de Animação de Espinho).
Todos eles debaterán, tal e como explicou Suso Novás, sobre as relacións entre as administracións e os festivais, e como o seu concurso é preciso para poder implantar os proxectos; sobre a importancia da marca Rías Baixas Film Fest; sobre os axentes ocultos nos festivais, como son a distribución cultural, a formación e a creatividade; e sobre a diversidade editorial nos territorios e as aportacións dos festivais a nivel económico e sociocultural.
Pecharase cunha masterclass de Ángel Sala, director artístico do Festival de Sitges, considerado o primeiro festival de cinema fantástico de terror do mundo, que falará sobre como un municipio pequeno é quen de artellar un evento cultural con “repercusión social, cultural, económica e comunitaria de altos voos”. As persoas interesadas en asistir ao “I Encontro Luso-Galaico de Festivais Audiovisuais” poden formalizar xa a súa inscrición a través dun formulario habilitado en www.depo.gal.
O programa
O encontro arranca o venres 17 de xuño con tres mesas de debate. A primeira delas, trala apertura por parte de Carmela Silva e Manuel Pena (da directiva de Proxecta), centrarase nas “Administracións e o desenvolvemento dos festivais” coa participación de María del Carmen Ribeiro, técnica de Cultura do Porriño; Paula Cabaleiro, directora de Cultura da Deputación e Daniel Maciel, director exectutivo da Asociación ao Norte.
A continuación, ás 12.30 horas, a presidenta Carmela Silva; a subdirectora do Galician Freaky Film Fest, Miriam Álvarez; o director do FICBueu, Manuel Pena e a codirectora do Festival de Cine Inclusivo de Vigo, Teresa Barberena, falarán sobre “Unha terra de cinema. Os Rías Baixas Film Fest”.
Xa pola tarde, a partir das 17.00 horas, terá lugar unha nova mesa de debate sobre “Festivais de Cinema. Axentes implicados” onde participarán Miguel Días, director da Agência da Curta Metragem; Paulino Pérez, vicedecano de Promoción e Comunicación da Facultade de Cíencias Sociais da UVigo; José Quinta Ferreira, profesor de Produción Audiovisual da ESMAD (Escola Superior de Media Artes e Design) de Porto e Noemí Chantada, vicepresidenta de CREA (Asociación de Profesionais da Dirección e Realización de Galicia).
O sábado 18 de xuño ás 10.30 horas terá lugar o encontro “A diversidade editorial” no que participarán Darío Oliveira, director do Porto/Pos/DocFilm & Media Festival; Nuno Rodrigues, director do Curtas Vila do Conde; Alfonso Pato, director do Festival de Cans; Johnyy Marques, coordinador da Comisión Artística e de Programación de CINANIMA (Festival Internacional de Cinema de Animação de Espinho) e Ana Gondad, directora de programación do Festival Primavera do Cine en Vigo.
A continuación, a partir das 12 horas, o director do Festival de Cine Fantástico de Sitges participará na mesa de debate “Expediente Sitges”.
Amais, durante o I Encontro Luso-Galaico de Festivais Audiovisuais terá lugar a acción escénica “Unha muller cunha cámara” na que a partir das 19.00 horas do venres 17 de xuño Mercé de Rande e Juanma Lodo fusionarán cinema e danza para conseguir diferentes perspectivas da cámara grazas á exploración do movemento, creando unha óptica singular e insólita, dialogando ao unísono e integrando ao público que, dun xeito interactivo, poderá ser parte da película proxectada.
A peza que levarán a cabo inspírase nos inicios do cinema experimental, concretamente no filme “A man with a camara movie” dirixida por Dziga Vértov e montada pola súa muller Yelizabeta Svilova. Mercé de Rande e Juanma Lodo parten dunha colaboración entre home e muller pero invertendo os roles, pois agora será a muller a que leve a cámara e o home o que faga a edición en tempo real.