Pontevedra | Cun recoñecemento e recordo a Isaura Abelairas, a primeira deputada de Igualdade na Deputación de Pontevedra, impulsora da Escola María Vinyals e “corazón e alma das moitas políticas que nos teñen convertido nunha referencia en igualdade en Galicia”, a presidenta Carmela Silva abriu esta mañá no Castelo de Soutomaior o “I Encontro Nacional sobre Políticas Públicas”, coordinado pola doutora en Ciencias Políticas e referente do feminismo, Rosa Cobo, e no que están a participar vinte expertas de todo o territorio estatal.
“Queremos –asegurou a presidenta- retomar o debate sobre a axenda feminista poñendo enriba da mesa o que se está a facer dende as políticas públicas tanto a nivel local”
“Queremos –asegurou a presidenta- retomar o debate sobre a axenda feminista poñendo enriba da mesa o que se está a facer dende as políticas públicas tanto a nivel local, autonómico, estatal, como tamén dende o poder xudicial ou dos medios de comunicación que xogan un papel fundamental como altofalantes para poñer no centro do debate as demandas das mulleres”.
Carmela Silva sinalou que hoxe estamos “nunha xornada de reflexión, análise, posta en común con grandes conferenciantes que teñen unha longa traxectoria e moito coñecemento sobre a axenda feminista, pero tamén é un acto de reivindicación, de alzar a voz e dicir que precisamos e reclamamos que a nosa axenda estea no centro como unha grande prioridade”.
Neste eido a presidenta incidiu na obriga de situar a axenda feminista no eixo de todas as decisións políticas, “porque estamos a falar da metade do mundo, das mulleres, que seguimos vivindo situacións intolerables” e porque “non podemos esquecer que a política é o único instrumento que ten a sociedade para promover cambios. Se a axenda feminista non ocupa o centro, se na política non se converten en decisións as demandas históricas que as mulleres levamos reclamando, seguiremos estando nesa situación intolerable”.
A presidenta alertou que “produto da pandemia ten desaparecido da acción política o debate, a análise, a axenda feminista” e fixo fincapé en que “hai outras axendas que están a influír en que a nosa non estea presente como unha grande prioridade”.
Neste eido, destacou a necesidade de tomar decisións “urxentísimas” para abolir a prostitución ou ter unha posición “radicalmente en contra” dos ventres de alugueiro porque “non hai democracia se seguimos apostando por mercantilizar o corpo das mulleres”.
Tamén puxo enriba da mesa a infrarrepresentación das mulleres en postos de decisión do poder xudicial, dos medios de comunicación ou da política e destacou que “temos méritos e formación, pero hai un grande teito que nos impide estar onde se están a tomar as decisións”.
“Por todas estas cuestións este encontro é fundamental”, destacou a presidenta, quen aproveitou a ocasión para facer un recoñecemento á coordinadora da xornada Rosa Cobo, “unha referente para todas nós e cun coñecemento que está a construír un mundo mellor a partir das demandas, retos e axenda feminista que as mulleres reclamamos”.
Tamén destacou a traxectoria das vinte relatoras que van participar na xornada, “mulleres que constrúen sociedade, que son unha referencia e imos a ter o pracer e honra de escoitalas, de aprender e de crear redes para seguir construíndo igualdade”.
Conferencia inaugural de Rosa Cobo
A coordinadora do encontro, a profesora e referente feminista Rosa Cobo reivindicou a necesidade de recuperar “o espazo propio do feminismo”, especialmente nun momento en que a cuarta onda do movemento vén de ser contestada unindo este concepto ao de diversidade.
“As feministas –dixo- nos nosos tres séculos de historia temos buscado espazos para construír o noso propio proxecto político. A sociedade civil soña dereitos e o poder político convérteos en leis. Pero sempre nos teñen colocado con alguén: igualdade e políticas sociais, igualdade e familia, e agora aparece igualdade e diversidade. E un dos retos do feminismo no século XXI é recuperar o noso espazo. As políticas de diversidade son importantes pero non son as nosas políticas. Por iso temos a necesidade de recuperar o que significan as políticas feministas, que están orientadas a desactivar espazos que colocan ás mulleres en posición de subordinación”.
A doutora en Ciencias Políticas e Socioloxía fixo un repaso histórico polas catro ondas do movemento feminista, “porque non é posible falar de políticas públicas se non falamos de feminismo, dunha historia de tres séculos e moitas conquistas”.
“Temos chegado a crear illas feministas dentro do Estado”. Iso si, todas contestadas “con reaccións patriarcais”. No caso da cuarta onda, xurdida no 2010 e que explotou coas manifestacións mundiais do 2018, converteu ao feminismo “nun feito global, porque xa non hai sociedades nas que as ideas feministas estean ausentes”, pero ten sido contestada a través do capitalismo neoliberal, “un inimigo moito máis forte que o capitalismo anterior e que ten vivido en auxilio do sistema patriarcal”.
Cobo indicou que as intencións deste capitalismo neoliberal son “converter ao maior número de mulleres en servidoras da violencia sexual, servidoras da violencia reprodutiva cos ventres de alugueiro, servidoras domésticas e servidoras laborais.
Tamén se están a converter aos traballadores en servidores, pero con plusvalía económica, mentres que as mulleres a plusvalía é económica, sexual, reprodutiva e doméstica”. A profesora engadiu que neste contexto de resposta aos avances da cuarta onda a teoría queer xurde “e preséntase como feminista, pero non é unha teoría feminista; non fala da nosa axenda, fala doutro grupo que está discriminado”.
Na súa intervención avogou porque o movemento feminista abandone de mirar cara dentro e o faga cara afora: “Temos que cesar nas nosas diferencias e conflitos internos e traballar no que converxe o noso movemento, nas afinidades, o que nos une e reducir lo que nos separa, porque o capitalismo neoliberal é un monstro de moitas cabezas que pode acabar con nosoutras”.