Ourense | O delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, asistiu á I Feira de Nadal organizada pola asociación “Alma Llanera” e a Federación Venezolana de Galicia, FEVEGA, que tivo lugar no Campo da Feira de Ourense.
Esta primeira edición contou con numerosos artistas e agrupacións musicais así como con comida tradicional venezolana nesta época do Nadal e xogos infantís ademais dun gran bazar de diferentes comercios locais de Ourense de emprendedores venezolanos.
Gabriel Alén comprobou o traballo destas asociacións sen ánimo de lucro amparadas por FEVEGA, a Federación Venezolana de Galicia que, con este tipo de accións fomentan a integración dos galegos e galegas retornados de Venezuela e tamén serven para xerar riqueza co intercambio gastronómico e cultural.
FEVEGA, que conta cun convenio de colaboración coa Xunta de Galicia desde o ano 2017, leva atendidos nas súas sedes de Ourense e Vigo, así como na súa oficina itinerante por toda a xeografía galega, a máis de 12.500 galegos retornados e ás súas respectivas familias.
Estes puntos de información e asesoramento súmanse así á Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno que a Xunta de Galicia ten a disposición nas principais cidades e Galicia.