Salceda de Caselas | A Asociación Veciñal Caselas celebrará os vindeiros 29 e 30 de marzo a I Festa Artes e Sabores no seu local de Salceda de Caselas. Un total de 50 postos ofrecerán produtos de artesanía e gastronomía, oferta que se completará con obradoiros e xogos para a rapazada.
Tamén o apartado musical terá un peso importante no evento, coa participación de Antonio Barros e Alma o sábado pola noite. Xa o domingo, a partires das 17.00 horas, será a quenda da música tradicional, coa celebración do I Serán artes e sabores, ao que están convidados os grupos de gaitas, pandeiretas e música tradicional en xeral que desexen asistir.
A Asociación Veciñal Caselas presenta este novo evento con intención de que se converta nunha cita das imprescindibles do calendario de ocio de Salceda, e que contribúa a dar a coñecer a actividade da asociación veciñal. A directiva amosouse gratamente sorprendida da boa iniciativa da proposta no colectivo da artesanía, con lista de agarda incluso para máis postos que non poden aceptar por ter todo o espazo dispoñible xa completado.
O Concello de Salceda de Caselas colabora coa festa coa loxística municipal e a difusión nas distintas canles das que dispón, traballando man a man na organización do evento dende o minuto cero. En palabras da Alcaldesa, Loli Castiñeira, estamos ante “un novo evento cultural e social na nosa vila resultado do bo traballo dos colectivos sociais, neste caso da Asociación Veciñal Caselas, á cal lle damos os parabéns por esta iniciativa que forma parte xa do Salceda Móvese”.