A Coruña | A Fundación Luzes, dedicada á análise dos distintos aspectos da cultura galega, nomeadamente o xornalismo, organizou este 7 e 8 de outubro as I Xornadas Tecendo Xornalismo, co apoio da Deputación da Coruña, para debater tres das cuestións de máis actualidade no ámbito da información.
O venres 7, ás 18,30, no Pazo de Mariñán, Rosa María Artal, ex redactora de TVE e actual columnista de eldiario.es; Miguel Mora, agora editor de CTXT e no seu día responsable de cultura de El País e correspondente dese diario en Lisboa, Roma e París, e o ex director do periódico Jesús Ceberio, debaterán sobre Os tabús e os silencios nos/dos medios, as operacións de fake news e a difusión consciente de bulos con intereses concretos que practican determinados medios de comunicación. Moderará a conversa Víctor Sampedro, catedrático de Comunicación da Universidad Rey Juan Carlos de Madrid e autor de varios ensaios sobre a manipulación informativa nos atentados do 11M.
O sábado 8 de outubro, ás 12,00 Vanesa Jiménez, periodista con experiencia en EL Mundo e El País, na actualidade directora adxunta e fundadora de CTXT; María Obelleiro, Licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), directora do diario Nós desde a súa fundación, e Ángelo Miotto, periodista, escritor e podcaster italiano que traballou para Popular Radio Network, PeaceReporter e varias emisoras italianas e internacionais, e fundou en 2013 en Milán a revista Q Code, da que é director, participarán na mesa titulada A contracorrente. O xornalismo activista, xunto con Marcos Pérez-Pena, periodista en Praza Pública, traballou anteriormente en Diario de Ferrol, La Voz de Galicia, Tempos Novos e Vieiros.com. Moderados por Xosé Manuel Pereiro, codirector da revista Luzes, analizarán o recente fenómeno dos medios creados por xornalistas experimentados, e sostidos fundamentalmente polos seus lectores e subscritores, como vía para realizar o periodismo independente que consideran necesario facer nos tempos actuais.
Por último, ás 16,30 dese día terá lugar a terceira e última mesa. Participarán nela Olga Rodríguez Francisco, escritora e xornalista cunha ampla experiencia como correspondente internacional, sobre todo no Oriente Medio (informou desde Bagdad da guerra de Iraq); André Cunha, documentalista radiofónico, fundador do Centro de Lingua Portuguesa de Belgrado, que informou sobre os Balcáns ou sobre España en medios como Visão, Diário de Notícias, Público (Portugal), Il manifesto (Italia) e BBC Radio (UK), e Rui Araújo, con seguridade o xornalista portugués con máis experiencia en conflitos internacionais, desde a invasión de Timor Leste por Indonesia ao xenocidio de Ruanda, membro do International Consortium of Investigative Journalists (que descubriu os Papeis de Panamá). Estudou na Sorbona e en Harvard, escribiu libros sobre os servizos secretos portugueses e tamén é autor de novela negra.
A mesa, Un mundo revolto. De Iraq a Ucraína estará moderada por Alfonso Armada, un xornalista vigués que traballou para El País (cubriu o cerco de Sarajevo e foi correspondente para África) e ABC (levou a corresponsalía en Nova York, dirixiu o seu Máster de Periodismo e o suplemento ABC Cultural, e foi adxunto á dirección do periódico) e agora é presidente de honra de Reporteros sin Fronteras-España.
O acceso ás sesións e aos participantes é libre, mediante inscrición en secretaria@fundacionluzes.gal.