O Porriño | O hispanista Ian Gibson (Dublín, 1939) estivo este 2 de setembro na segunda xornada do Festival de Cans, abrindo oficialmente este certame audiovisual que no 2021 achegouse á súa XVIII edición.
A presenza do historiador irlandés levantou unha gran expectación no Porriño e particularmente na súa parroquia de Cans. Acompañado da súa esposa Carol, Gibson chegou ao Centro Cultural Municipal do Porriño no tradicional “chimpín” co que o Festival leva as súas personalidades convidadas. No traxecto puido igualmente deleitarse coa música galega a traves da banda de gaiteiros.
Gibson presentou en Cans o estreo do documental “Donde acaba la memoria” do realizador vigués Pablo Romero-Fresco e producida por Xavi Font, igualmente célebre por producir exitosos filmes galegos como “O que arde” e “Ons.
“Donde acaba la memoria” é produto dun traballo conxunto de máis de sete anos, onde Gibson replica no documental a viaxe do mítico cineasta Luis Buñel a Las Hurdes (Cáceres) que, en retrospectiva, supón tamén unha viaxe íntima a súa traxectoria de máis de medio século como historiador de España.
Acompañado da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, da alcaldesa de O Porriño, Eva García de la Torre, do director do Festival de Cans, Alfonso Pato e dos realizadores e produtores Pablo Romero-Fresco e Xavi Font, Gibson amosouse “encantado” de participar nesta edición do Festival de Cans, toda vez expresou o seu sentimento cara a nosa terra: “Amo Galicia e teño moi bos amigos aquí”.
Neste sentido, Gibson, que confesou sentirse “nervioso” co estreo do documental, tivo tamén unhas emotivas palabras de lembranza cara o seu amigo, o escritor tomiñés Xosé Luís Franco Grande, falecido en 2020.
Este 3 de setembro, Gibson terá un coloquio co público do Festival no Torreiro de Cans, onde falará dos pormenores do documental presentado hoxe.
Toda vez, Gibson repasará a súa prolífica traxectoria como historiador e hispanista, no que destacan os seus ensaios sobre Federico García Lorca, Antonio Machado e Salvador Dalí, sen esquecer diversos estudos sobre a España contemporánea.