Remata o 2021 e compre dar un repaso a un ano político e electoral intenso en América Latina, principalmente no mes de novembro. Pero esta clave está tamén enfocada na súa incidencia de cara á política exterior española, historicamente vinculada a un espazo iberoamericano onde cada vez mais ten menos capacidade de influencia.
Comecemos por Chile. A primeira volta presidencial do pasado 21 de novembro parece retrotraer ao país a épocas aparentemente superadas. Chile debaterase nunha segunda volta entre un candidato (José Antonio Kast) que reivindica a Pinochet e o seu contrincante (Gabriel Boric), un esquerdista de 35 anos que recupera a figura de Allende. Novos tempos con vellas liortas.
Logo está Venezuela. Os venezolanos volveron ás urnas para comicios rexionais e municipais. Pero agora hai unha clave diferente: alén das críticas de cara ao seu sistema electoral, EEUU e unha Unión Europea encabezada (aquí si) pola presenza española, enviaron observadores electorais. E tamén alén das controversias, Maduro volveu a gañar a partida política. Estamos ante un novo ciclo político en Venezuela? A experiencia da a entender que este país seguirá a ser noticia nos próximos tempos.
“Estamos ante un novo ciclo político en Venezuela? A experiencia da a entender que este país seguirá a ser noticia nos próximos tempos”
Cuba, sempre presente no noso imaxinario colectivo. Protestas e demandas de cambio que deixan entrever a necesidade urxente de dar un auténtico “golpe de timón”, alén dos tópicos ideolóxicos e dos intereses que moitas veces intoxican a realidade. Cuba precisa de atoparse a si mesma, de reencontrarse a través dun diálogo que esixe o pluralismo onde non só estén representandos os cubanos que viven na illa senón tamén aqueles que están no exilio.
Nicaragua tamén levou a cabo presidenciais que remataron nunha farsa electoral que reforza o poder da satrapía establecida desde 2006 polo matrimonio Ortega-Murillo. Foron outros os tempos do sandinismo que espertou esperanzas de cambio. Hoxe impera un sistema de poder mais preto do “somocismo” que precisamente ese sandinismo pretendou derrubar definitivamente.
Tamén estiveron as eleccións lexislativas na Arxentina, que marcaron o paso dun novo equilibrio que definirá o curso político de cara ás presidenciais de 2023. O universo “peronista-kirchnerista” vese hoxe contestado por unha oposición en ascenso que busca recuperar espazos e forzas.
E finalmente México, “lindo e querido”, que con López Obrador na presidencia aposta polo revisionismo histórico do pasado colonial español pero que tamén quere marcar as súas pautas de influencia a nivel hemisférico, como observamos no cumio do CELAC realizado en setembro pasado en Cidade de México. México non só mira ao veciño do Norte (EEUU) senón tamén aos seus “irmáns” do Sur.
En todo este intenso escenario de eleccións e pulsos políticos e históricos, España buscou navegar pero en augas turbulentas. Non marca o paso a política española, moitas veces mediatizada pola inmediatez da conxuntura política e dos intereses existentes. E non semella que isto vaia cambiar de cara ao 2022.
“Iberoamérica está cambiando, pero non sabemos a ciencia certa se España está transitando á altura deses cambios”
O próximo ano agárdannos citas electorais clave de carácter presidencial en Colombia e Brasil, onde volve Lula toda vez o país mide o pulso ao “trumpista” presidente Bolsonaro. E sería pertinente non esquecer que en novembro de 2022 hai lexislativas en EEUU, onde o voto hispano ten cada vez mais incidencia. Iberoamérica está cambiando, pero non sabemos a ciencia certa se España está transitando á altura deses cambios.