Ponteareas | A Policía Local de Ponteareas e a Garda Civil identificaron na tarde de onte a un individuo como presunto autor de estragos en tres árbores plantadas nas obras do camiño escolar seguro na rúa Trobador Xoán García de Guillade.
A media tarde varias persoas alertaron á Policía Local e ao lugar acudiron unha patrulla da propia Policía Local e da Garda Civil que comprobaron os danos causados, tres árbores recentemente plantadas partidas pola metade, e identificaron á persoa que presuntamente ocasionou os danos segundo testemuñas presenciais que tamén achegaron gravacións do acontecido. Nesta semana a Policía Local tamén identificou e denunciou por un delito contra o patrimonio a dúas persoas autoras de pintadas en edificios públicos, algúns deles catalogados por Patrimonio.