Baiona | O alumnado de Animación Sociocultural e Turística do IES Primeiro de Marzo organizou unha semana de actividades para visibilizar a necesidade de erradicar a violencia de xénero e reivindicar o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
Despois de dous días de teatro, coa representación da obra Invisible no auditorio municipal V Centenario de Baiona, na mañá do día 25 inaugurouse a Aula de Igualdade, entregáronse os premios do concurso “Logo pola igualdade”.
Esta será a imaxe que o centro utilizará nesa aula, levouse adiante a lectura dun manifesto coa representación de todos os grupos do centro e houbo actuacións musicais e de baile realizadas polo alumnado de FP e de secundaria.
A comunidade educativa do IES Primeiro de Marzo quere alzar a súa voz contra as violencias machistas e reivindicar un modelo educativo con perspectiva de xénero que fomente a eliminación das violencias e a defensa dos dereitos das alumnas, profesoras e traballadoras do centro.