Tui | Tui acollerá os días 8 e 9 de abril o II Encontro de Viños da Raia, un evento que pretende poñer de relevo o traballo que realizan as adegas e os viticultores e as viticultoras de ambos lados do Miño. Nun evento que pretende potenciar o enoturismo na zona.
A inauguración oficial será o sábado 8, ás 12 h, previa á lectura do pregón das Festas de San Telmo. O evento celebrarase, o igual que na súa primeira edición, na praza da Inmaculada, tendo como principal novidade a instalación dunha sala polivalente dentro dos antigos xulgados, que albergará diferentes actividades relacionadas co mundo do viño.
Participarán a Adega Corisca, de Tui; Adega do Vimbio, de Tomiño; Adega Edmun do Val, de Valença; Sergio Álvarez, do Rosal; Lagar Pedregales, de Tomiño; Adega do Ricón, de Arbo; Adega Pateira, do Rosal; Márcio Lopes, de Melgaço e Adega María Bargiela, de Salvaterra de Miño. Poderanse degustar os seus viños, a partir de 2,50€ a copa, acompañados pola oferta gastronómica de distintos postos de comida que ofrecerán petiscos coma xamón, queixo, patés, empanadillas…
Programáronse unha serie de actividades paralelas que se van celebrar tanto o sábado coma o domingo no interior do edificio da Praza da Inmaculada. Para as mesmas é preciso inscribirse gratuitamente na Oficina de Turismo ou en turismo@tui.gal até a xornada anterior ou esgotarse as prazas.
Así o sábado ás 19 h a prestixiosa enóloga tudense Susana Esteban presentará os seus viños “Aventura” e “Procura”. Susana Esteban, Máster en Viticultura e Enoloxía pola Universidade de La Rioja, inicou a súa carreira coma enóloga en 1999, traballando para distintas adegas principalmente no Alentejo portugués. En 2012 recibiu o premio “Enóloga do Ano” pola Revista Vinhos, o galardón máis prestixioso que pode recibir un enólogo en Portugal. En 2009 emprendeu o seu proxecto persoal elaborando viños cun carácter diferente ao tradicional Alentejo.
Posteriormente ás 20.30 h presentarase o libro “A nación dos mil viños” de Martiño Santos, Xosé Gontá Sobrino e Toño Núñez Amigo-Rivadulla publicado por Edicións Laiovento. A “Nación dos mil viños” busca ser unha iniciación combinada á cultura do viño en xeral, á súa proba sensorial e o panorama concreto dos viños galegos.
Realiza un repaso descritivo pola xeografía vitivinícola galega actual acompañado polos elementos históricos e culturais que contextualizan o significado e importancia do viño, xunto ás persoas produtoras e as marcas comerciais.
O domingo ás 12.30 h o cociñeiro Rafael Centeno, do restaurante Maruja Limón, posuidor dunha Estrella Michelín, elaborará receitas co río Miño como protagonista. Pola tarde, ás 19 h, o sumiller Adrián Guerra fará un percorrido polas distintas variedades de viño das marxes da “raia”. Esta segunda edición do Encontro de Viños da Raia celebrarase na primeira fin de semana das festas tras o éxito colleitado o ano pasado, apostando así pola posta en valor da gastronomía da zona.