Mondariz | Este evento, que se celebra na Biblioteca Municipal de Mondariz en horario de mañá e tarde, busca visibilizar iniciativas de recuperación de terras abandonadas a través de charlas informativas e experiencias de emprendemento agrogandeiro e agroalimentario no medio rural que inspiren aos veciños e ás veciñas.
Contará coa participación da directora da Axencia de Desenvolvemento Rural de Galicia, Inés Santé Riveira, do director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade Calvo, e da alcaldesa do Concello de Tomiño, Sandra González Álvarez.
As III Xornadas de Oportunidades de Desenvolvemento no Medio Rural de Mondariz xa teñen data e lugar de celebración: o 12 de novembro de 2022, na Biblioteca Municipal da localidade. Nesta edición, as iniciativas de recuperación de terras abandonadas que se visibilizan xiran arredor de experiencias emprendedoras no territorio galego que poidan servir de inspiración para persoas e colectivos sociais que estean buscando oportunidades de desenvolvemento socioeconómico no medio rural.
Durante a xornada de mañá (9:30h-13:30h) está programada a inauguración oficial a cargo do alcalde e concelleiro de Desenvolvemento Económico e Turismo, Xosé Emilio Barros. De seguido, representantes da Comunidade de Montes en Man Común de Pinzás (Concello de Tomiño) presentarán as súas experiencias de pastoreo, acompañados pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez.
Despois da pausa para o café das 11:00 horas intervirán o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade Calvo, para falar de oportunidades de emprendemento no sector agroalimentario, e a directora da Axencia de Desenvolvemento Rural de Galicia, Inés Santé Riveira, para presentar os instrumentos da lei de recuperación de terras agrarias de Galicia.
Durante a xornada de tarde (17:00h-19:00h) darase especial protagonismo ás experiencias de desenvolvemento exitosas que podemos atopar no Concello de Mondariz e na súa contorna. Hermindo Álvarez e Sara Cifuentes, promotores da horta ecolóxica BioChousa na parroquia de Gargamala, presentarán o seu proxecto ás 17:00h; mentres que Eva González e Nelson Alonso, promotores de Carabuñas, falarán do sabugueiro como recurso alimentario e das oportunidades de desenvolvemento que hai arredor desta árbore ás 18:00h. As xornadas rematarán, como é habitual, cunha degustación de balde para as persoas asistentes.
As III Xornadas de Oportunidades de Desenvolvemento no Medio Rural de Mondariz son un evento aberto e gratuíto que non require inscrición previa. Xurdiron no outono de 2019, por iniciativa da Alcaldía, dentro dunha estratexia política municipal para reflexionar colectivamente sobre a xestión do territorio desde a perspectiva do desenvolvemento socioeconómico sostible. Naquela primeira edición, as charlas e as experiencias de emprendemento presentadas xiraron arredor da fruticultura e os produtos derivados da mazá, como a sidra.
Despois de ser canceladas en 2020 por mor da pandemia de Covid-19, as xornadas de oportunidades de desenvolvemento no medio rural foron recuperadas en 2021, cos froitos secos como tema principal. Nesta segunda edición, presentáronse iniciativas relacionadas co cultivo da abelá para a súa comercialización e transformación produtiva.
“O Concello de Mondariz está comprometido cun desenvolvemento socioeconómico sostible do medio rural e nos últimos anos ten acollido varias xornadas formativas e informativas sobre as oportunidades de desenvolvemento agrogandeiro organizadas en colaboración con outras entidades. Estas xornadas de oportunidades de desenvolvemento no medio rural, no entanto, forman parte dun programa anual promovido e organizado directamente polo Concello de Mondariz”, explica o alcalde, Xosé Emilio Barros.
Dentro desta estratexia política municipal para promover o desenvolvemento de iniciativas de recuperación de terras abandonadas no Concello de Mondariz tamén está o proxecto de recuperación da cestería tradicional, que inclúe a plantación de castiñeiros –a materia prima dos cestos– no seu enfoque de economía circular.