O Covelo | Fomentar a participación da veciñanza en actividades de índole artística e creativa é unha das finalidades do concurso fotográfico que, por terceiro ano consecutivo, convoca o Concello de Covelo para editar o seu calendario para o ano 2023.
“Covelo, turismo, cultura e patrimonio” é o título baixo o que se convoca este concurso para o que estará aberto o prazo de presentación de traballos ata o vindeiro día 25 de novembro ás 13:30 horas.
As fotografías deben presentarse na Biblioteca Municipal en cor ou en branco e negro impresas en papel fotográfico horizontal de tamaño 21×30 cm. (300 p.p.) e tamén en formato dixital. Cada participante poderá presentar un máximo de dúas obras. As bases do concurso poden atoparse na páxina web do Concello de Covelo.
O domingo 27 de novembro de 2022 ás 19.30 h. o auditorio municipal do Concello de Covelo acollerá a exposición das fotografías presentadas que serán valoradas por un xurado composto por profesionais do sector audiovisual, paisaxístico e turístico.
O xurado considerará, prioritariamente, a creatividade, o vigor da imaxe gráfica, a idoneidade do traballo e a sintonía co lema “Covelo, turismo, cultura e patrimonio” O fallo do xurado levarase a cabo o mesmo día da exposición. O Concello explica que se establecerán tres premios que van dende un curso de fotografía a unha experiencia fotográfica en montaña ou ampliacións fotográficas, entre outros.
O Concello de Covelo editará dous mil calendario de 24 páxinas que darán a coñecer o alto valor paisaxístico, medioambiental e patrimonial da localidade e farán protagonista á veciñanza que captará os recunchos máis fermosos da súa vila.