Amoeiro | Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, participou na entrega dos galardóns do III Premio Otero Pedrayo para estudantes de ESO e Bacharelato, impulsados desde a fundación homónima co apoio da Xunta de Galicia co fin de fomentar entre a mocidade o coñecemento e o recoñecemento do autor ourensán.
No acto, que tamén foi unha homenaxe a Pedrayo no 48 aniversario do seu pasamento este 10 de abril, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades loou o traballo de todas as persoas participantes “pola calidade dos traballos presentados, que ademais foron preto de medio cento, o cal demostra o alto interese que segue espertando entre as novas xeracións a figura dun autor tan significativo para o galego e para Galicia”.
Canda Valentín García tamén participaron nesta entrega, que acolleu a Casa Grande de Cima de Vila, sede da Fundación Otero Pedrayo, o presidente da dita entidade, Eduardo López Pereira, e o alumnado e profesorado dos centros premiados.
Alumnado premiado
Na terceira edición deste certame, o IES Otero Pedrayo de Ourense fíxose cos dous galardóns na categoría de Bacharelato: o premio individual foi para Lucía González Vázquez, polo traballo Poesía e Xeografía de Bocarribeira; mentres que o colectivo recaeu no grupo ‘As Oterianas’, que analizou os cinco anos do autor como alumno preuniversitario no proxecto Otero Pedrayo alumno, traxectoria no centro que leva o seu nome.
Ademais, o xurado acordou recoñecer cun accesit o traballo titulado Violencia e delito en O mesón dos ermos: brutos, bandoleiros e negreiros, presentado por un grupo de estudantes do IES de Ponteceso.
Doutra banda, na categoría reservada para alumnado de Secundaria, recibiu o premio colectivo o grupo ‘Araucaria’, do IES Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo. O seu traballo Galeguízate con Otero, un videoxogo realizado con scratch, foi eloxiado polo xurado pola excelente aplicación das novas tecnoloxías. Nesta categoría tamén recibiu un accesit o grupo ‘Ilustres dinámicos’, do IES Chan do Monte Marín. Por último, o premio na categoría individual quedou deserto, aínda que se lle concedeu tamén un accesit a Avril Lagos González, alumna do IES Chan do Monte de Marín, pola súa biografía en verso de don Ramón.