Iluminación e aerotermia no Pavillón de Valeixe na Cañiza

Cun custe de execución de 53.966€ 100% subvencionado pola Xunta de Galicia

A Cañiza | Así o comunicou o Alcalde Luis Piña tras visitar as obras rematadas na intalación deportiva das Touzosas. Unha actuación cun investimento de 59.952,70€, subvencionada ao 100% pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta, a través da axuda do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local, destinado a Concellos de menos de 10.000 habitantes, para a “mellora enerxética no pavillón deportivo de Valeixe”.

A actuación, adxudicada á mercantil Construelectric Systems Galicia S.L., tivo uns costes de execución, impostos engadidos, de 53.966€ aos que se engadiron 3.811,50€ de honorarios de redacción do proxecto e dirección de obra e coordinación de seguridade e saúde, adxudicados ao técnico Juan Carlos Castro García. No proceso de licitación a actuación conseguiu unha rebaixa de 2.175,20€, que tamén se minorará proporcionalmente na subvención percibida.

“Estas obras permitirán lograr un importante aforro enerxético e ambiental”. Éstas son as declaracións do Alcalde tras visitar onte o pavillón acompañado da Teniente de Alcalde María José Rodríguez e de representantes das asociacións e clubs que utilizan as intalacións durante todo o ano.

As obras permitiron renovar todo o alumeado interior e mellorar a eficiencia enerxética do sistema de aquecemento de auga mediante a instalación de aerotermia.

Cambiáronse todas as lámpadas de vapor de sodio de alta presión de 400W, que lle outorgaba unha baixa eficiencia á instalación. Tras a reforma o pavillón estrea 35 novas luminarias Campá Led de última xeración cunhas prestacións adecuadas ao recinto, 28 downlight led 9,8w 4000k nr, 13 downlight led 19,2w 4000k NR. Ademáis da instalación de 200 ml de cable de liña eléctrica RZ1 e de 150 m.l. de cable eléctrico para transmisión de datos dixitais, instalouse un novo cadro eléctrico adecuado a regulación vixente, incluíndo aparamenta xeral de protección, protectores contra sobretensións, reloxes programadores e contactores, 6 sensores de movemento e 1 detector multisensor especial para grandes alturas.

Ademáis a caldeira de gasóil que alimenta ao sistema de auga quente sanitaria (AQS), quedou disminuida polo paso do tempo, perdendo rendemento polo que era necesario sustituila, empregando un sistema de aerotermia que ademáis de aumentar a eficiencia, ten unha menor emisión de gases de efecto invernadoiro.

A nova actuación permitiu instalar unha bomba de calor aerotérmica monobloc aire-auga para producción de A.Q.S., calefacción e refrixeración, para gas refrixerante, cunha potencia calorífica regulable entre 3,5 e 18 kW e cun valor de 12.198,99 € máis impostos.

Estas dúas actuacións teñen por obxectivo conseguir unha maior eficiencia enerxética, mellor calidade lumínica e un mellor confort término para beneficio das veciñas e veciños e usuarios da instalación. A estas melloras súmase unha reducción do consumo de enerxía primaria e polo tanto dos costes de mantemento.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.