O sábado, día 2 de outubro, tivo lugar nos exteriores do Museo Casa do Patrón a inauguración da nova capela de Codeseda e da exposición “Rito, culto e crenza: a importancia da lingua nas crenzas galegas”, na que interviron D. Rafael Quintía Pereira, comisario-director da exposición, D. Manuel Blanco Villar, xerente do Museo Etnográfico Casa do Patrón, Dª. Ana Isabel Vázquez Reboredo, Directora xerente da Fundación Cidade da Cultura da Xunta de Galicia, Dª María Paz Pérez Asorey, tenente Alcalde de Lalín, contando ademais coa presenza de varios concelleiros de Lalín, D. José Antonio Salgado Agromartín, cura párroco de Doade, medios de comunicación e máis de 120 veciños e amigos da Casa do Patrón.
O Museo Casa do Patrón terá un antes e un despois desta histórica data, coa inauguración desta capela, na que, por unha banda se lembra unha pequena capela que existiu na aldea de Codeseda, cuxa capelanía data do ano 1710, ou sexa, hai máis de 300 anos, da que xa non quedan máis restos que a pía da auga bendita e as imaxes orixinais da Sagrada Familia.
Aínda que non son iguais: a primeira era a capela dos amos, esta é a dos caseiros e dos máis humildes; a antiga era unha edificación de pequenas dimensións, a actual ten un tamaño moito maior, máis acorde cos seus fins; aquela tiña autorizada unha capelanía, esta é unha capela privada, non sacralizada; a primeira era só para celebrar misa; a actual, dedicarase tamén a exposición museística e actos culturais e sociais do Museo.
Ámbalas dúas percorren diferentes camiños, que nos conducen ao mesmo fin, porque teñen en común a advocación a San José, estando ao servizo dos veciños desta pequena aldea e do público en xeral.
Tras un emotivo acto, no que se recordou a figura de Jesús do Caseiro, bisavó do xerente da Casa do Patrón, a persoa que se encargou ata o seu pasamento do mantemento da vella capela , no que estiveron presentes varios dos seus netos, evocando tamén a gran devoción que os veciños do lugar lle tiñan aos seus santiños, procedeuse a beizón da capela e das imaxes que a presiden por parte do cura párroco de Doade e posterior visita dos asistentes á exposición do seu interior.
“A primeira misa que se oficie nesta capela será ofrecida na memoria dos 40 veciños falecidos dende a desaparición de antiga capela”
A primeira misa que se oficie nesta capela será ofrecida na memoria dos 40 veciños falecidos dende a desaparición de antiga capela, que tanto a querían, e segunda por todos os defuntos soterrados nos dous cemiterios da parroquia: San Pedro de Doade e San Martiño.
Pero isto só é a primeira parte deste gran proxecto, porque esta orixinal construción resulta ser o contedor axeitado para acubillar a exposición:” Líbranos do mal. Lingua, culto e crenza”, unha mostra singular e única en Galicia, unha nova e orixinal colección permanente visitable do patrimonio inmaterial galego máis vencellado ao mundo das crenzas, os ritos, a relixiosidade popular e a etnomedicina, que xira ao redor da linguaxe única utilizada neste eido, cuxo contido e discurso expositivo explicou o Comisario e Director da mostra, o prestixioso antropólogo D. Rafael Quintía Pereira, que nos concedeu a honra de proceder ao deseño e á montaxe da mesma.
Podemos considerala como un verdadeiro Centro de Interpretación das crenzas, ritos e cultos históricos de Galicia, co que este Museo está a entrar nunha nova dimensión. Non se trata dunha capela sacralizada, senón dunha exposición permanente do Museo que recrea ás crenzas históricas das nosas xentes, moi extensa e completa, cun discurso expositivo coherente, cuxos contidos se complementan entre sí, estando expostos e explicados dun xeito profesional, rigoroso e obxectivo, debidamente informado a través de láminas, carteis e visitas guiadas.
Unha exposición de corte modernista, coa versatibilidade precisa para converterse nun espazo válido para usos alternativos, no que se levarán a cabo todo tipo de actos socioculturais acordes coa edificación, tal e como autoriza a propia licenza municipal, que a título enunciativo non excluínte poderán consistir en exposicións temporais (p.e. de beléns do Nadal), pasando por calquera clase de cerimonias solemnes (misas, bautizos, comunións…), ata charlas informativas ou conferencias, sempre dentro do ámbito privado.
A tal fin, as dúas ringleiras centrais de vitrinas son móbiles, podendo desprazarse lateralmente con gran facilidade para permitir a colocación de reclinatorios, cadeiras, bancos ou do mobiliario axeitado a cada evento a realizar, deixando diáfano un espazo central similar ou superior ao de calquera das capelas tradicionais.
A Casa do Patrón, a aldea de Codeseda, a parroquia de Doade, o concello de Lalín, a Comarca de Deza e mesmo toda Galicia, poden e deben sentirse ben orgullosos de contar dende hoxe cunha gran exposición sobre a profunda espiritualidade do pobo galego, referente ao ámbito das terras, do gando, do fogar, do corpo e do espírito, como ao estritamente relixioso, que nos conecta coas nosas raíces máis profundas.
Queremos deixar cumprida constancia do maior dos agradecementos á Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, a través da Secretaría de Política Lingüística, sen cuxa colaboración esta exposición xamais vería a luz, á Deputación de Pontevedra e ao Concello de Lalín pola súa habitual colaboración co Museo.
Tamén ao Sr. Quintía polos seus contrastados coñecementos e enorme profesionalidade, a todos os que participaron na construción da capela, dende o arquitecto, pasando polo contratista, canteiros, carpinteiros, ata o último dos obreiros que nos acompañaron nestes meses tan intensos, pola gran categoría profesional e humana demostrada.
Tamén aos veciños de Codeseda e dos outros 10 lugares de Doade polas súas doazóns, axudas, ánimos e continuado apoio, e sobre todo, por ter a altura de miras necesaria para comprender que entre todos, non só facemos grande esta parroquia, senón que estamos abrindo novos camiños aos nosos continuadores e construíndo Galicia.
Ao grupo de gaitas Os Trasnos, que ademais de acompañarnos acotío coas súas cantigas e a interpretación da nosa música tradicional, están sempre dispostos a botarnos unha man en todas as actividades que realizamos. Tamén a todo o persoal do Museo Casa do Patrón, ese puñado de persoas incansables e polivalentes, sempre ao pé do canón, demostrando acotío un compromiso, unha ilusión, unha profesionalidade e unha dedicación incontestables.
O acto rematou cun chamamento do xerente do Museo a todos os galegos e demais turistas que se acheguen polas bravas terras do Deza a que visiten este gran Museo, feito pola xente miúda para todos sen excepción, que dende hoxe incorpora unha singular mostra dedicada á espiritualidade das nosas xentes, a través da palabra, da imaxe, da recreación e da fotografía, permitindo unha visión holística e polifacética dos ritos, crenzas, sentimentos, medos e inquedanzas máis arraigados da Galicia enigmática e profunda.