Inauguración da nova sede da Audiencia Provincial da Coruña

A Coruña | O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, participou no acto de inauguración da Fábrica de Tabacos como nova sede xudicial, un edificio que albergará tamén nun futuro próximo as dependencias da Concellería de Rexeneración Urbana e Dereito a Vivenda. “A centralización e unificación dos distintos departamentos da área de Rexeneración Urbana, que levaremos a cabo no menor tempo posible, beneficiará á veciñanza da nosa cidade, e tamén aos e ás traballadoras e profesionais que realizan trámites nestas dependencias, ademais de mellorar a súa operatividade e facilitar o acceso ás persoas usuarias”, avanzou o rexedor, quen puxo de relevo o “novo impulso” que suporá para toda a área de Castro Camiños e A Palloza a apertura da nova Audiencia Provincial, así como o resto de servizos xudiciais e municipais que se trasladarán ao inmoble.

audiencia

 

“Este é un edificio cheo de memoria, parte da historia dos e das coruñeses, e queremos que o siga sendo na súa nova vida. Debe ser un lugar que dea servizo á cidadanía e un símbolo da Coruña como Cidade de Xustiza, unha xustiza que debe ser áxil e á que se lle deben dar os medios adecuados e necesarios para que poida axudar ás persoas e facer desta unha cidade máis igualitaria e máis xusta”, sinalou Ferreiro, quen recordou o simbolismo do inmoble, “que marcou o inicio do desenvolvemento industrial nesta cidade e que estivo marcado polo impulso das cigarreiras traballadoras que loitaron polos dereitos laboráis, que foron determinantes na súa transformación cara adiante”. “Cremos que é fundamental que esta sede, cos seus novos usos, manteña ese espírito de progreso do que a dotaron as mulleres que traballaron aquí”, manifestou.

audiencia

 

Igualmente, durante a súa intervención, o alcalde puxo en valor a colaboración entre administracións –a conversión da antiga tabacalera en sede xudicial é froito da cesión do espazo por parte do Concello á Xunta– e chamou a “seguir cooperando polo ben da cidadanía”. “Esperamos que este non sexa un caso illado, senón que supoña un avance na forma de traballar en colaboración entre todas as administracións”, indicou. No acto inaugural, interviñeron, xunto co alcalde, o presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial e do Tribunal Supremo, Carlos Lesmes, o fiscal xeral do Estado, José Manuel Maza, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo.