A Coruña | O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, presidiu a inauguración da xornada + Que Residuos baseada en experiencias de economía social e na xestión municipal dos residuos. Nun acto no que tamén participaron a concelleira de Medio Ambiente, María García, o titular de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, o alcalde de Abegondo e presidente do Consorcio das Mariñas, José Antonio Santiso, e o director de CEIDA, Carlos Vales, o rexedor destacou a aposta que está a facer o Concello da Coruña pola creación de novos nichos de emprego a través dos procesos de aproveitamento de residuos e economía circular.
Ferreiro recordou que, nestes momento, o Goberno local está a preparar o que será o prego do novo contrato de recollida de lixo. “Este introducirá melloras para unha xestión máis sostible dos residuos, pero tamén ha de atender a demandas veciñais e introducir cuestións tan relevantes como a corresponsabilidade”, explicou, para destacar: “O noso desexo é tamén que neste contrato teña cabida a medio prazo a participación de novos actores, como por exemplo entidades cooperativas ou de economía social”. Desta forma, segundo explicou, o Concello poderá implicar “a moitos máis axentes neste proceso de recollida de lixo e de recuperación do mesmo”. “Falamos non só de sostenibilidade ambiental, senón de novas oportunidades de xeración de emprego e de riqueza”, destacou.
Ferreiro destacou experiencias nesta liña impulsadas polo Goberno local como a xestión da recollida da roupa usada por parte da entidade social Padre Rubinos, ou a recollida do aceite doméstico usado en base a un convenio de colaboración entre a administración local e colectivo Mulleres Colleiteiras. “Son proxectos beneficiosos para a cidadanía dende unha perspectiva triple, tanto dende o punto de vista ambiental, como dende o punto de vista económico e dende o da xustiza social”.
O primeiro edil destacou que este obxectivo implica a diversas áreas do Goberno, ademais de Medio Ambiente. “Este Goberno local sabe que é necesario crear ferramentas. Existen colectivos que levan moitos anos traballando precisamente na xestión de residuos, aproveitando a segunda vida das cousas, pero non obstante, na busca da súa propia autonomía e empoderamento, cremos que é necesario que se especialicen e profesionalicen”, dixo, á vez que destacou programas postos en marcha pola Concellería de Emprego e Economía Social como o denominado Coruña Emprega, que trata de xerar oportunidades de empregabilidade e itinerarios de inserción para aqueles colectivos que teñen máis complicado o acceso ao mercado laboral.
“Sacar adiante iniciativas deste tipo é un dos compromisos deste Goberno, e un dos retos da Coruña Próxima que desexamos, pero este horizonte non pode ser exclusivo da cidade”, comentou o rexedor, quen recordou que a xestión de residuos dende iniciativas de economía social é un dos temas tratados cos concellos da contorna nas mesas de Mariñán.
Pola súa banda, a titular de Medio Ambiente, María García, destacou a aposta da súa área de Goberno por implementar, e así o está a facer, estratexias de “Residuo Cero”, de cara a “minimizar ao máximo o número de residuos que xa non se poden reutilizar”. “Estamos a deseñar un novo sistema de recollida de residuos no que é necesario que tamén se preparen diversos axentes do ámbito da economía social”, insistiu. Por outro lado, o concelleiro Lema salientou os programas municipais da súa área para o fomento do cooperativismo. “A xestión de residuos é unha nova oportunidade de emprego, e debe tender tamén cara a fórmula do cooperativismo”, indicou.