Monforte de Lemos | O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou na mañá de hoxe a Oficina de Atención ó Peregrino de Monforte, que se ubica nos baixos do edificio do antigo Hotel Comercio, na céntrica praza de Doutor Goyanes.
Na apertura deste novo punto de información turística na cidade, o rexedor municipal estivo acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e os concelleiros de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada, de Cultura, Marina Doutón, de Deportes, José Manuel Mougán, e de Medio Ambiente, Miguel Tomé.
Tras descubrir a correspondente placa inaugural na fachada da Oficina, o Alcalde destacou “que hoxe é un día importante para a cidade de Monforte porque hoxe abrimos as portas dun novo espazo de atención turística que sen dúbida vai contribuír a dar a coñecer a nosa cidade a todas aquelas persoas que a visiten, e que cada vez son máis”.
“Hoxe é un día importante para a cidade de Monforte porque hoxe abrimos as portas dun novo espazo de atención turística”
“Este Centro de Atención ó Peregrino, contribuirá a desestacionalizar e distribuír ó longo de todo o ano a oferta turística municipal, xa que os seus potenciais usuarios, os peregrinos do Camiño de Inverno, transitan por esta ruta ó longo de todo o ano, e especialmente fora dos meses de verán”, indicou o rexedor monfortino na súa intervención.
Estas instalacións serán o lugar onde “lle daremos a benvida ós peregrinos e onde lles proporcionaremos información precisa sobre todo o que poderán descubrir na nosa cidade e na Ribeira Sacra”.
A Oficina tamén disporá da Credencial do Peregrino, a Compostela, que poderá ser adquirida a un prezo de 2 euros e selada, xa que dende o Concello de Monforte fanse os quilómetros necesarios para a súa obtención.
Esta Oficina de Atención ó Peregrino abrirá todos os días da semana, en horario de mañá de 9 a 14 horas, e de tarde de 17 a 20 horas.
Espazos diferenciados co Camiño de Inverno por Monforte
A Oficina configúrase a través de dous tipos de espazos diferenciados, pero tamén relacionados entre si.
En primeiro lugar, a Oficina constitúese coma Punto de información e atención tanto para peregrinos como turistas e visitantes. Para elo, na entrada da Oficina, ubícase un espazo de atención dotado dun mostrador, equipo informático, impresora, terminal telefónica e conexión wi-fi, necesarios para solventar todas as dúbidas que lle poidan xurdir ó visitante.
Fronte a este punto de información, sitúase cunha sala de espera, formada por 4 cadeiras, 1 mesa e 1 roll-up promocional de Monforte e do Camiño de Inverno. Fronte a eles, un gran panel protagonizado por unha foto dos Escolapios.
En segundo lugar, as instalacións albergan un Centro de interpretación do Camiño de Inverno, pois nelas disponse de información específica sobre o seu traxecto, con fotografías, documentación, proxeccións audiovisuais…
“As instalacións albergan un Centro de interpretación do Camiño de Inverno”
O visitante, poderá coñecer, a través de 3 paneis, ubicados na parte dereita da sala de interpretación, información sobre as orixes do Camiño de Inverno, sobre a súa arquitectura relixiosa, e sobre a arquitectura civil, o seu paso polas terras de Lemos.
Un gran panel, ubicado na parte dereita da sala, recolle as 9 etapas do Camiño de Inverno dende Ponferrada ata Santiago a través dun mapa impreso sobre unha foto de San Vicente do Pino, potenciando a Monforte como final da etapa 4 e onde se inicia a etapa 5.
Na parte central deste panel, intégrase unha televisión destinada á emisión continua de vídeos promocionais de Monforte, do Camiño de Inverno e da Xudería, que se irán renovando co tempo.
No fondo da sala, sitúase un gran panel que recolle un mapa histórico de Monforte, no que se salientan de xeito lineal os principais acontecementos da historia da cidade.
Ademais, neste espazo ofrécese ó visitante unha forma dinámica e divertida de coñecer a nosa cultura e a nosa historia. Para elo, deberán abrir un conxunto de 5 caixoneiras iluminadas, que conteñen 5 temáticas específicas:
1. “Monforte antes de Monforte” sobre a orixe de Monforte e o seu primeiro poboamento, os coñecidos como “lemavos”.
2. “A orixe de Monforte como núcleo”, coa referencia máis antiga que é a do Mosteiro de San Vicente do Pino.
3. “O Monforte Medieval”, unha época de importante crecemento.
4. “Monforte, as xuntas do reino e a guerra Napoleónica”.
5. “Monforte, cidade e ferrocarril”, que recolle a nosa historia máis recente.
Finalmente, nesta zona tamén se ubica, a continuación do panel expositivo con fotografías de Monforte situado na zona de acceso ós baños, unha exposicón de 10 fotografías realizadas por Manuel Varcarcel, “Piro”, no eido do Camiño de Inverno, exposición que foi encargada dende o Concello o pasado ano.
Tras esta zona, o pasillo conduce á zona de baños da Oficina, debidamente sinalizados e equipados, e sendo un deles accesible para persoas con discapacidade.
Presentación da Guía e do Plano do Peregrino
O Alcalde aproveitou a inauguración da Oficina de Atención ó Peregrino, “para dar a coñecer un material informativo e promocional no que levamos meses traballando”.
Trátase da Guía e do Plano do Peregrino que, dende hoxe están xa a disposición dos peregrinos y visitantes.
Baixo o título Camiño de Inverno a Santiago, “dende o Concello de Monforte editamos este Plano e esta Guía pensados especificamente para os Peregrinos que cheguen a esta Oficina, e neles resaltamos os principais puntos de interese que se poden atopar tanto na ruta pola que transcorre o Camiño na cidade, como próximos a ela” explicou Tomé Roca.
Tanto o Plano como a Guía recollen a información en 3 idiomas: galego, español e inglés.
A Guía do Peregrino está formada por 32 páxinas a toda cor e é de tamaño compacto (12,5 x 7,5 cm.) e fácil manexo.
“Tanto o Plano como a Guía recollen a información en 3 idiomas: galego, español e inglés”
A súa portada recolle o Conxunto de San Vicente, enmarcado pola vieira, símbolo do Camiño de Santiago e dos peregrinos. A portada tamén destaca a Monforte de Lemos como Capital da Ribeira Sacra, identifica o “Camiño de Inverno a Santiago” coa inclusión da súa característica frecha amarela, e engade o lema “Camiñando”.
En canto ós seus contidos, a Guía recolle a descrición dos puntos de interese da cidade de Monforte que están na ruta pola que transcorre o Camiño de Inverno: Torre da Homenaxe, Pazo Condal, Mosteiro Benedictino de San Vicente do Pino, Museo do Ferrocarril, Praza de España, Oficina de Turismo, Centro do Viño da Ribeira Sacra, Oficina do Peregrino, Ponte Vella, Museo de Arte Sacra das Nais Clarisas, Campo de San Antonio, Casa do Concello, rúa Abeledos.
A parte central da guía contén un mapa de Monforte no que se indica tanto a ruta alternativa como a ruta oficial do Camiño de Inverno ó seu paso pola cidade, así como os principais puntos de interese, tanto os que están no Camiño como os próximos a el.
Tras o mapa central, a guía describe outros puntos de interese na cidade, próximos ó Camiño: Xudaría, Muralla, Colexio de Nosa Señora da Antiga-Escolapios, Parque dos Condes, Igrexa da Régoa, Pazo de Tor, Pazo Muíños de Antero, Miradoiro do Duque e Embarcadoiro Ponte do Sil.
A contraportada da Guía recolle os lemas incluídos na portada, acompañados por unha foto da Ponte Vella e dos Escolapios, e unhas pegadas (huellas), que simbolizan o camiñar dos peregrinos.
En canto ó Plano do Peregrino, tamén é un desplegable de fácil manexo cuxa portada é como a da Guía do Peregrino, incorporando as pegadas (huellas), e sinalando as etapas do Camiño de Inverno que transcorren por Monforte, as etapas 4 e 5 Quiroga-Monforte-Chantada.
Despregando o plano, na parte que recolle a portada, engádese información de Monforte de Lemos, do Camiño de Inverno e da Ribeira Sacra, así coma teléfonos de interese, e fotografías dos principais elementos turísticos e gastronómicos da cidade.
Pola outra cara do plano, plásmanse 2 mapas:
Un mapa grande que recolle por onde transcorren as etapas 4 e 5 do Camiño de Inverno (Quiroga-Monforte-Chantada) que inclúe simboloxía relativa a servizos e puntos de interese, e tamén fotografías cos puntos máis destacados da ruta.
Un mapa en pequeno que recolle todas as etapas do Camiño de Inverno, dende Ponferrada ata Santiago de Compostela.
Ambos documentos estarán dispoñibles de xeito gratuíto na Oficina de Atención ó Peregrino para ser entregados ós seus usuarios, e complementarán a información que xa se recolle na Guía Oficial da cidade, que tamén estará dispoñible nesta oficina, e que se vende ó prezo de 1 euro.
O Alcalde rematou a súa intervención animando “ós veciños e veciñas de Monforte, así como a todos aqueles que nos visitan, a que se acheguen a coñecer estas instalacións da Oficina de Atención ó Peregrino, que sintan a aventura do Camiño de Inverno, e que descubran todos os encantos que agacha esta ruta”.
“Estou seguro de que esta Oficina de Atención ó Peregrino será outro punto informativo de referencia na nosa cidade para dar a coñecer a quen nos visita, a riqueza do noso patrimonio, a beleza da nosa paisaxe, a calidade da nosa gastronomía e dos nosos viños, e a espiritualidade do noso Camiño de Inverno” subliñou Tomé Roca.