Oia | A parroquia oiense de Burgueira conta, desde este sábado, cun renovado espazo público no seu corazón: a Praza do Campo. Os veciños e veciñas asistentes ao acto inaugural celebrado esta mañá puideron comprobar de primeira man a transformación da antiga praza nun novo espazo polivalente, accesible e respectuoso coa paisaxe e o patrimonio da súa contorna.
O acto de inauguración comezou ás 12.30 horas e contou coas intervencións institucionais da alcaldesa de Oia, Cristina Correa, e máis da deputada Ana María Mejías. Os grupos locais Tra-lo Mosteiro e As Caramuxas foron os encargados de amenizar a xornada festiva co seu repertorio de música tradicional.
“Partiamos dun reto moi grande: transformar un espazo que quedara en desuso e sen unha funcionalidade clara para renovalo e convertelo nun lugar acolledor, que invitase a calquera a visitalo e gozar del”, asegurou a rexedora durante a súa intervención.
Cristina Correa explicou que a actuación busca “mellorar a calidade de vida” dos veciños e veciñas” creando un espazo funcional, accesible e dotado dunha identidade propia. Segundo vaticinou, será “todo un punto de referencia” no municipio e máis alá.
Esta actuación foi o resultado “dun gran traballo”, segundo recoñeceu Correa. Nese sentido, quixo trasladar o seu agradecemento á arquitecta e paisaxista María Fandiño, á empresa construtora Pérez Portela así como á Deputación de Pontevedra, que colabora no financiamento do proxecto a través do programa REACPON.
Unha praza renovada
A Praza do Campo sitúase nas inmediacións da igrexa parroquial de San Pedro de Burgueira e supón un punto de reunión tradicional para a veciñanza da zona. Emprazada nun punto alto e estratéxico, é lugar de celebración de procesións das distintas festas parroquiais. Nela se conservan elementos tradicionais coma un cruceiro, que conviven con outras intervencións de diferentes épocas e carentes de relación entre si.
Co obxectivo de mellorar este espazo público e dotalo dunha identidade propia, o Concello vén de rematar unha rehabilitación integral. Así, instalouse un banco corrido en granito silvestre como delimitación da praza, xerando un espazo de socialización. Ademais, o soterramento do tendido aéreo na zona permitiu dignificar o cruceiro, converténdoo de novo no elemento protagonista da praza. Do mesmo xeito, instalouse unha pérgola metálica negra coroada por unha parra, xerando espazos de sombra.
A intervención tamén recuperou a presenza dun olivo nesta contorna e, así mesmo, incluíu a mellora lumínica e instalación de diverso mobiliario. As actuacións na Praza do Campo supuxeron un investimento total de 267.867 euros, financiados con cargo ao programa REACPON da Deputación de Pontevedra cunha achega de 241.080 euros, e asumindo o Concello a parte restante, de 26.786 euros. Finalmente, a alcaldesa anunciou que o Concello xa está a traballar en novas actuacións de mellora desta contorna. Neste sentido, lembra a recente adquisición da parcela situada ao carón da praza con vistas á unha futura ampliación do espazo, dotándoo dunha zona de esparcemento infantil e recuperando as construcións tradicionais para destinalas a uso social e cultural para goce da veciñanza.