Salceda de Caselas | A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, a alcaldesa de Salceda de Caselas, Verónica Tourón, e demais autoridades municipais e provinciais inauguraron este 28 de xuño o Mural da Igualdade realizado nunhas das rúas desta vila polas artistas pertencentes ao Dúo Amazonas.
O mural, realizado pola colombiana Lina Castellanos e a arxentina Natalia Andreoli, ámbalas dúas coñecidas como o Dúo Amazonas e residentes en Madrid, significa unha “homenaxe ás nosas colegas graffiteiras e muralistas”, ao mesmo tempo que reivindica “o empoderamento das mulleres e a súa labor na cultura a través da Arte Mural”, tal e como indicou Carmela Silva.
No acto tamén estiveron presentes Verónica Alonso, da área de Igualdade da Deputación de Pontevedra, Paula Cabaleiro, comisaria do programa Mulleres en Acción # Violencia Zero da Deputación, así como a tenente de alcalde e concelleira de Igualdade de Salceda, Loli Castiñeira, e outros membros da Corporación Municipal.
Silva explicou que o programa Mulleres en Acción ven realizando desde 2015 diversas accións en pro da igualdade e contra a violencia machista na provincia pontevedresa. Toda vez, Tourón e Castiñeira tamén quixeron aproveitar para agradecer “aos propietarios do edificio e da finca” onde está plasmado o mural, así como á veciñanza salcedense pola súa colaboración e implicación coas dúas artistas.