Ponteareas | O Concello de Ponteareas aposta pola inclusión sociolaboral na remodelación da xardinaría da vila. Integrantes da asociación Aceesca de apoio a persoas con diversidade intelectual están a levar a cabo nestes intres a reforma da rotonda do Corpus, labores para o que traballadoras e traballadores de Aceesca Emprego e alumnado de formación dual do ciclo de xardinaría están a levar a cabo todos os traballos de reorganización do xardín da rotonda, dende a preparación do terreo ata a execución dos parterres.
A concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo, salienta que está “moi satisfeita co traballo que están a realizar as e os integrante de Aceesca non só na rotonda, senón tamén na obra da nova contorna da piscina municipal e no auditorio”.
Trátase dunha obra complexa que precisou dun alto número de traballadoras e traballadores para a execución dos parterres xa que mentres unha cuadrilla realizaba os labores de marcaxe, outra continuaba extraendo a grava do anel interior da rotonda. Tamén se están a encargar da comprobación e adecuación do estado do sistema de rego, da sega de céspede, da preparación do terreo, das plantacións e de sementar céspede no anel interior para conseguir unha superficie uniforme.
Na plantación estanse empregando dúas variedades de planta, petunia e surfinia, relacionadas entre si pero con diferente crecemento que permitirá crear unha combinación que achegue variedade estética, xogue coas alturas e dean movementos aos macizos de flor.
Aceesca contribúe a mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual, das súas familias e da contorna, favorecendo a súa autonomía.
Nese camiño no ano 2006 a asociacicón creou Aceesca Emprego para dar saída profesional ás persoas con diversidade intectual como paso previo á inserción laboral na empresa ordinaria. Tamén ten en marcha un programa de formación dual regrada en xardinaría, un ciclo de tres anos con parte formativa e laboral remunerada.
A concelleira de Medio Ambiente e o goberno municipal de Ponteareas apoian de forma firme iniciativas como as postas en marcha por Aceesca e a todas as persoas que participan nelas para procurar un desenvolvemento persoal e laboral pleno.