O BNG enfronta este 25-S o seu 40 aniversario no momento no que se lle albiscan, interna e externamente, as mellores expectativas, sendo cada vez máis xente a que pensa que Ana Pontón pode presidir o Goberno que saia das vindeiras elección nacionais. Unhas eleccións, porén, que poderían coincidir coas estatais na fin do 2023, o que, con todas as reservas, semella un elemento que podería favorecer ao PP.
“O BNG enfronta este 25-S o seu 40 aniversario no momento no que se lle albiscan, interna e externamente, as mellores expectativas”
Mais o primeiro chanzo a enfrontar pola organización liderada por Ana Pontón é o de consolidar os seus gobernos locais e avanzar substancialmente nas cidades e vilas galegas nas eleccións municipais do vindeiro maio. E isto vai depender de varios factores, algúns alleos ás soberanistas. No que éstes si poden coadxuvar é en ofrecer alternativas urbanas de goberno progresista que teñan capacidade de integrar parte substancial do voto socialista e do devalante voto mareante, ademáis de seducir aos sectores tradicionalmente abstencionistas.
Nun conxunto de vilas medias e concellos pequenos o BNG habería integrar, quizais con fórmulas variábeis e axeitadas a cada territorio, grupos e sensibilidades que operan no mesmo ámbito do galeguismo progresista. E non só por maximizar as súas posibilidades de obter concelleira/os, senón para non perder opción ningunha cara a obter a máxima representatividade nas catro Deputacións.
Deputacións que haberían desaparecer nunha Galicia ordenada institucionalmente a xeito, mais que no curto prazo constitúen un contrapoder a respecto da parcialidade do trato do Goberno da Xunta cos gobernos locais progresistas.
O momento político e económico é moi grave, para Galicia e para a Europa toda, coa guerra de Ucrania, a inflación e a recesión ás portas e coa extrema dereita ás portas de obter o Goberno italiano. Cómpre entender a conxuntura. Non é que a Galicia e a Europa de hoxe sexan moi distintas ás do 1982, senon que son distintas ás do 2005, 2009 ou mesmo 2011.
“Unha proposta soberanista, progresista, interclasista e transversal ha ofrecer uns valores e un programa distintos”
Unha proposta soberanista, progresista, interclasista e transversal ha ofrecer uns valores e un programa distintos. Valores de inclusión, comunitarismo, integración e participación social e cidadá fronte á división, pasividade e individualismo desmobilizador no que se basean as propostas da dereita española.