O pasado 13 de novembro o exército marroquí atacaba a un grupo de civís saharauís que se manifestaban pacificamente ante a brecha ilegal en El Guerguerat, ao sur do Sahara Occidental preto da fronteira con Mauritania.
O paso de El Guerguerat, situado nunha zona de amortiguamiento segundo a ONU, foi aberto de forma ilegal por Marrocos para dar saída cara ao resto do continente africano aos produtos expoliados no Sahara Occidental ocupado todo isto ante a reiterada inacción permisiva da MINURSO (Misión das Nacións Unidas para a realización do referendo no Sahara Occidental).
É tal a pasividade e permisividade por parte da MINURSO coas innumerables violacións do ocupante marroquí contra a poboación saharauí nas zonas ocupadas do Sahara Occidental, que momentos antes do ataque marroquí aos civís saharauís que se atopaban en El Guerguerat, os cascos azuis pertencentes á misión da ONU abandonan a zona sen explicación nin motivo aparente.
“O paso de El Guerguerat foi aberto de forma ilegal por Marrocos para dar saída cara ao resto do continente africano aos produtos expoliados no Sahara Occidental ocupado”.
Ante este ataque contra a poboación civil saharauí por parte das forzas de ocupación marroquí, o que supón a enésima ruptura do acordo de cesamento do fogo asinado polas partes en 1991, e debido á inacción por parte dos membros da ONU desprazados no terreo, a Fronte Polisario vese obrigado a retomar as hostilidades contra o ocupante marroquí.
A pesar de levar xa tres meses de ataques por parte do Exercito Saharauí a posicións marroquís ao longo do “muro defensivo” construído por Marrocos e que divide ao Sahara Occidental para tentar frear as incursións dos saharauís, a pesar dos danos tanto materiais como humanos produto dos ataques do Exercito Saharauí, Marrocos pretende negar a existencia desta volta ás armas e a comunidade internacional volve mirar cara a outro lado.
A resposta por parte das autoridades de ocupación marroquís aos ataques por parte do exercito saharauí foi un brutal incremento da represión contra a poboación civil saharauí nas zonas ocupadas do Sahara Occidental. Arrestos domiciliarios, malleiras, acoso e secuestros de activistas de dereitos humanos saharauís, toma de represalias contra os presos políticos saharauís encarcerados en prisións marroquís, …
Non podemos esquecer que o Sahara Occidental é a última colonia en África que figura na lista dos 17 Territorios Non Autónomos da ONU pendentes de descolonización e cuxa potencia administradora segue sendo España.
O Estado Español está obrigado a comprometerse para acabar co sufrimento do pobo saharauí activando todos os mecanismos necesarios para que se faga xustiza e poida vivir dunha vez por toda libre e dignamente.