Pontevedra | A Unión Sindical de Docentes de Galicia-CUT, pon de manifesto o grave problema que está a ter lugar no ensino galego dende o pasado 13 de marzo, primeiro día de incumprimento na cobertura de baixas por situación de IT ou análogas do profesorado galego.
Ante unha situación excepcional na que os docentes están a recibir unha carga de traballo extraordinaria para adaptarse á nova situación de ensino non presencial, a pesar das dificultades técnicas evidentes, a Dirección Xeral de Recursos Humanos, lonxe de reforzar o cadro de persoal para axudar nesta ardua tarefa de xestión, decide unilateralmente paralizar a cobertura das vacantes dende o inicio do estado de alarma de maneira xeral.
A Conselleira Carmen Pomar, comunicou en xuntanza cos Directores dos Centros Educativos, xa despois da Semana Santa, que serían cuberta SÓ AQUELAS QUE SE CONSIDEREN ESENCIAIS, deixando en mans de cada centro e inspección tal decisión. Como esenciais estase a propoñer aquelas nas que o departamento é unipersoal e non hai outra alternativa dispoñible no propio centro.
No resto dos casos, a alternativa escollida é a sobrecarga de traballo para un profesorado xa de por si baixo condicións anormais, e un desenvolvemento horario moito máis aló do habitual. Con esta medida, a Consellería chega a ultrapasar en moitos dos casos os límites legais establecidos de alumnado/unidade educativa e mesmo de horario laboral dos propios docentes como consecuencia directa. O modus operandi é o reparto do alumnado do persoal de baixa entre o resto de compañeiras/os do departamento afectado, pasándose de 200 alumnos en moitos casos.
Todo isto, ademais de afectar e degradar a calidade do xa de por si complicado ensino telemático, leva a precarizar aínda máis ao persoal temporal que vén cubrindo de xeito habitual ditas vacantes, freando a súa posibilidade de acceder a un posto de traballo e méritos para ofertas de emprego. Novamente o persoal a disposición da Xunta de Galicia máis feble, sufre os envites da crise sanitaria e económica e das políticas de contención e recortes de persoal da Consellería de Educación nun sector esencial como é o ensino.
Desde USDG-CUT reclamamos non só a cobertura de TODAS AS BAIXAS que se veñen producindo e se produzan ata final de curso, senón tamén un reforzo no número de docentes naqueles centros onde así o requiran alumnado con especial dificultade ou equipos de orientación. Así llo fixemos saber na reunión coas forzas sindicais en ANPAS que mantivemos coa Conselleira e Directivos Técnicos do seu departamento o día 23 de abril, mais parece ser que as nosas peticións seguen a ser ignoradas e o problema mantense a día de hoxe polo que USDG-CUT comezará unha campaña de protesta até que a Consellería solvente este problema.