Somos moitos os críticos e inconformistas que estamos en contra da imbecilidade e manipulación! Temos o que temos quizais porque o merecemos.
Queremos que nos goberne quen nos mentiu, non unha, senón moitas veces? Pois que goberne!
Queremos que nos gobernen os que nos recortan dereitos sociais e humanos? Pois que nos gobernen!
Queremos que nos gobernen os “aqueles” que evadiron impostos, que ocultaron patrimonio, cartos e beneficios en paraísos fiscais, e todo aquilo que levaron impunemente de diante dos narices? Pois que nos gobernen!
Queremos que nos sigan chupando os que nos chuparon a nós –da nosa suor- aquilo que eles non declararon, e foron trampeando diante de xestores, xuíces e leis? Pois que sigan chupando!
Queremos que nos representen os que aínda levan directamente dos erarios públicos millonadas, amparados en empresas que ninguén recoñece e non se sabe onde están nin para que son, e que teñen moi difícil situación e máis difícil explicación, porque son un engano de formidable presenza, desde un organismo –de envoltorio oficial- inventado para fomentar as boas maneiras e as caridades supostas e implícitas en non sei qué historia estraña, …pois que nos representen!
Que nos contan a milonga de que son porcentaxes para “obras sociais” (así lles chamaban) e nós sabemos que iso é unha infamia e, ao mesmo tempo, unha ínfima parte do pactado e que se facía case sempre para tapar favores e mercadorías negras e sucias? Pois que sigan contando milongas!
Que nos relaten fazañas vitoriosas en medios de sometida opinión e de silencios oportunísimos, pagados en subvencións e axudas? Pois que sigan contando contos!
Que nos desvían a atención, pois mentres especularon en ladrillo, en débedas estrañas e confusas con certos outros sectores do poder, e mesmo se concederon créditos propios e, por se acaso, blindaron as súas xubilacións e os seus propios despidos, …pois que nos gobernen e desvíen a atención!
Queremos un estado laico pero con certas preferencias confesionais –das nosas, claro- e con presupostos moi convenientes para unha desigualdade proporcional aos nosos favores nunca sabidos pola vulgaridade que habitamos, mentres eles son mesmo converxentes en ideoloxías e pensamentos que nada teñen que ver nin coa ética nin coa moral? Pois que nos gobernen na seu falso respecto ás crenzas dos demais!
Que inventan “eres”, pactos, proxectos, segregacións, correccións por decreto de leis de superior rango, manipulacións do espírito da lei, da protección, da igualdade de oportunidades, de…? Pois que as sigan inventando!
Que mangonean os postos de traballo, os despidos, as horas de traballo, os rendementos e beneficios, as horas extra, a sanidade, a educación, a difusión e información, as leis, os xuízos, as execucións, a dignidade,et? Pois que gobernen!
Foi o que se elixiu maioritariamente, así foi decidido! Ou iso din os recontos, que xa tampouco creo, …agora todos din que eles non os votaron!
Todo está podrecido, mesmo nós estamos abafados. Desde logo, no medio desta inmundicia, se de algo estou certo é de que a min, precisamente a min, todos eles, non me representan!