A Coruña | A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, asinou esta mañá o convenio de colaboración da Cidade das TIC na antiga Fábrica de Armas. Un convenio que permitirá constituír o futuro órgano de goberno do parque tecnolóxico e a elaboración dun Plan Director que afonde nas cuestións máis importantes relacionadas con este novo ente.
“Este proxecto converterá á Coruña no gran polo tecnolóxico de Galicia, e unha auténtica referencia do sector alén da nosa comunidade”, sinalou Inés Rey durante a súa intervención. “A posibilidade de que A Coruña sexa líder en intelixencia artificial, robótica ou big data abriranos de forma decidida as portas á dixitalización do resto de sociedade, incrementará a nosa competitividade e o máis importante, influirá de forma decisiva na creación de emprego e na atracción de talento”.
No acto de sinatura estiveron presentes Julio Abalde, reitor da UDC; José Miñones, delegado do Goberno en Galicia; Francisco Conde, conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta; Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña; Antonio Rodríguez de Corral, presidente do Clúster TIC de Galicia; e Susana Ladra, directora do Campus Innova da UDC.
“O convenio contempla a elaboración dun Plan Director da Cidade das TIC que permitirá a correcta planificación de accións e a posta en marcha dun plan estratéxico”
O convenio contempla a elaboración dun Plan Director da Cidade das TIC que permitirá a correcta planificación de accións e a posta en marcha dun plan estratéxico para o aproveitamento de todo o potencial que terá esta infraestrutura.
O acordo permitirá tamén a creación dunha estrutura de goberno mediante unha sociedade pública que inclúa as diferentes administracións e tamén as empresas implicadas no proxecto, garantindo desta maneira a participación de todas as partes de maneira proporcional á súa aportación.
Mentres non se concrete esa sociedade de xestión, o convenio establece unha estrutura de goberno provisional formada por un responsable técnico e un equipo de soporte externo.
O Concello da Coruña achegou para a creación de dita estrutura un total de 75.000 euros dos 180.000 euros totais, sendo a administración coa participación máis alta.
“Esta Cidade das TIC será ese gran proxecto estratéxico que permita dar impulso a un sector fundamental para o futuro da Coruña e de Galicia. Ás Administracións públicas correspóndenos acompañar ás empresas nese gran obxectivo xa que o contrario suporía non estar á altura da evolución da sociedade e a perda dunha oportunidade histórica”, sinalou a alcaldesa durante o acto.
O proxecto da Cidade das TIC é unha das grandes apostas do Goberno de Inés Rey. Na Coruña e na súa contorna máis próxima hai na actualidade 505 empresas vinculadas ao sector tecnolóxico, que facturan 1.100 millóns de euros, case a metade da cifra de todas as tecnolóxicas galegas xuntas. Inés Rey reivindicou que estes 120.000 metros cadrados serán unha gran fonte de emprego e riqueza para a cidade, a súa contorna e toda a comunidade.