A Coruña | A alcaldesa, Inés Rey, reiterou esta mañá máis unha vez o compromiso do Concello da Coruña co proxecto da Cidade das TIC, que impulsa a Universidade da Coruña. Rey asegurou, nun acto na Reitoría para presentar a licitación da actuación, que este é un proxecto liderado pola Universidade pero “ tamén unha proba de que a colaboración público- privada, cando se antepoñen os intereses xerais aos particulares, dá como froito proxectos tan interesantes e importantes como este parque tecnolóxico”.
A Universidade presentou o concurso de ideas para o parque tecnolóxico, co apoio do Concello da Coruña
“A cidade das TIC é unha aposta pola economía 4.0, por crear cidade a través das industrias TIC e pola creación de emprego, ademais de que dinamizará notablemente o tecido empresarial e industrial da cidade”, manifestou.
O Concello, subliñou unha vez máis a rexedora, séntese parte dun proxecto que é da cidade. Por iso, o Goberno local traballa de maneira coordinada co equipo da Universidade na configuración das vías internas da Cidade das TIC. Neste sentido, a alcaldesa comprometeuse a axilizar os trámites urbanísticos co obxectivo de que se poidan cumprir os prazos establecidos para botar a andar o polígono tecnolóxico.
Lembrou que o proxecto conta con todo o apoio deste goberno local porque a Cidade das TIC ten o seu núcleo na Coruña mais cunha visión para toda Galicia. “A curto prazo terá o noso apoio coa remodelación das primeiras naves, ese centro de innovación avanzada que xa vai ser unha realidade pronto, pero tamén cunha visión máis metropolitana da Cidade das TIC, máis supramunicipal, coa posta en marcha de novos accesos”, dixo.
Manifestou a importancia de que tanto a UDC como a Deputación, a Xunta e o Concello traballen da man e amosen “o mellor exemplo do esforzo compartido nun proxecto de futuro tan importante non só para a cidade da Coruña e a comarca, senón que me atrevo a dicir que se converterá nun proxecto innovador e un referente en toda Galicia”. Tamén lle agradeceu ao Ministerio de Defensa que “crese nesta iniciativa e a súa disposición para poñer os terreos a disposición da Universidade”.