Vigo | A actividade empresarial galega aumentou a súa capacidade para crear riqueza en plena pandemia, segundo o informe Ardán da Zona Franca de Vigo. O equipo de Ardán presentará en xullo o novo “Informe Económico e de Competitividade das Empresas de Galicia” e en Mindtech xa avanzou algúns datos, que sinalan que os resultados da actividade son positivos.
De feito. a xeración de riqueza nas empresas galegas, mediada a través do Valor Engadido Bruto, creceu en 2021 (último dato dispoñible no Rexistro Mercantil) de media un 15% respecto ao ano anterior. Ardán é a área de Zona Franca cuxo propósito é a elaboración e difusión de coñecemento económico e para iso conta con máis de 2,5 millóns de balances de empresas de toda España e 40.000 empresas de Galicia.
Ademais, un panel estable dunhas 3.000 empresas colabora anualmente co Consorcio. A iso súmase a colaboración coa Universidade de Vigo, a través da Cátedra Ardán, para elaborar estudos sobre distintos factores da competitividade das empresas. A directora da Cátedra Ardán, Belén Feijóo, expuxo a colaboración para elaborar os Indicadores Ardán, referentes da excelencia empresarial e exemplos a seguir por outras empresas. Soamente un 6% das empresas analizadas alcanza os esixentes criterios destes indicadores.
Así, este ano Ardán creará un novo indicador, o de fortaleza financeira, que identifica as empresas con excelente desempeño na súa autonomía financeira, liquidez, rendibilidade financeira e solvencia, respecto a outras empresas da súa mesmo sector. Zona Franca tamén presentou na súa caseta en Mindtech a nova edición de ViaExterior, a aceleradora de internacionalización que o Consorcio pon en marcha cada ano e que en outubro de 2023 lanzará a súa sexta edición.
Trátase dun programa multisectorial deseñado para promover, acelerar e aumentar a probabilidade de éxito no proceso de internacionalización das empresas galegas. Máis de 100 os profesionais de diferentes empresas pasaron por este programa.
Dous deles, Tamara Alfonso de Hermasa, e Antonio Vidal de Ucalsa, participantes da cuarta edición de ViaExterior, falaron da súa experiencia na aceleradora. Mañá xoves ás 11 horas será a quenda dos resultados da incubadora High Tech Auto (HTA). Estarán Rita Pérez e Simón Fernández de Navia 3D da 3ª ed. da HTA, na caseta E14A.