Ponteareas | O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, informou hoxe do inicio dos traballos do parque forestal da Picaraña.
As actuacións que se van executar durante os vindeiros meses pretenden recuperar ambientalmente un dos montes máis emblemáticos da localidade, protexelo fronte á ameaza do lume e poñelo en valor para o uso social.
Os traballos iniciados inclúen a eliminación da acacia australiana en máis de 30 hectáreas de superficie e a creación de áreas cortalumes tanto en pistas como en vagoadas que serán desbrozadas atinxindo a 33 hectáreas.
Ademais, acondicionarase unha área de escalada deportiva e un roteiro de sendeirismo micolóxico nas proximidades do Penedo do Equilibrio.
Por outra banda, para difundir os valores arqueolóxicos do parque, instalaranse paneis informativos e divulgativos sobre os xacementos castrexos existentes. As actuacións tamén inclúen a sinalización do parque en todos os seus accesos por estrada. Todas as actuacións están encadradas no proxecto técnico de parque forestal que tamén foi elaborado por iniciativa do Concello e das comunidades propietarias do monte.
Os traballos e o proxecto redactado supoñen un investimento de máis de 140.000 euros achegados pola Deputación Provincial e o Concello.
Represas amosouse moi satisfeito “porque por vez primeira o Concello aposta por convertir A Picaraña nun lugar de valor ambiental e para o desfrute da veciñanza”. O Alcalde lembrou que “durante décadas o propio Concello foi o causante de moitos problemas para o monte, ubicando nel un enorme vertedoiro de lixo que chegou a causar lumes forestais. Tamén foi o Concello quen introducíu especies invasoras na Picaraña con nefastas consecuencias”. Represas contrapuxo aquela situación “con este novo goberno que, conxuntamente coa Deputación Provincial, inviste en importantes melloras ambientais e sociais”.
O alcalde salientou ademais “o compromiso e implicación das comunidades de montes de Ponteareas, Arcos e Bugarín, que ademais de colaborar na execución do parque forestal realizaron nos últimos anos traballos fundamentais de mellora do monte”.