Cadernos da viaxe.
Na historia das eleccións ao Parlamento Europeo (PE) por sufraxio universal, dende 1987, obsérvanse dúas tendencias practicamente comúns na Europa toda: unha participación substancialmente inferior á media das eleccións estatais, territoriais e locais e máis un uso do voto por parte de millóns como castigo de gobernos, ensaio de alternativas e mesmo lúdico, apostando en casos abondo por candidaturas freakies ou, cando menos, exóticas.
Estas tendencias teñen a ver cunha intuición da cidadanía europea bastante aquelada. Porque na Europa toda percíbese, si, o carácter fulcral das decisións que se adoptan en Bruxelas, Estrasburgo ou Luxemburgo. Mais esa mesma cidadanía intúe tamén o limitado efecto do seu voto na gobernanza europea.
Adoitamos ver como uns poucos votos dan ou quitan maiorías no noso concello ou país e como ducias de milleiros deciden circunscricións chave nas eleccións federais ou estatais. Pola contra, o noso voto dilúese nunha elección de 720 deputados dos que Galicia só pode decidir ou mesmo influir limitadamente en tres ou catro dos mesmos.
Para máis, mentres que os Parlamentos galego ou estatal son titulares do poder lexislativo o PE partilla este poder na Unión Europea (EU) co Consello Europeo, integrado polos Xefes de Estado ou de Goberno dos 27 Estados Membros (EM). Tamén partilla co Consello Europeo a decisión de nomear á Comisión Europea, que dirixe a administración europea e xestiona os intereses comúns. Velaí que, por mor deste défícit democrático, a cidadania poida intuir lexítimamente que inflúen tanto ou máis na gobernanza europea as eleccións estatais. Asemade, a política monetaria está furtada na EU da decisión democrática e cedida a un Banco Central Europeo que non resposta diante do PE e atende substancialmente á estabilidade de prezos no canto que ao pleno emprego, desenvolvemento económico ou integración social.
Porén, o PE foi gañando capacidade de axenda e poder de codecisión nos últimos anos. Xa que logo, a elección do vindeiro 9-X ofrécenos unha moi interesante xanela de oportunidade para que os intereses galegos estean representados aqueladamente no PE. Porque Galicia é un país de 2,7 millóns de habitantes sen Estado de noso, cando sete EM da EU contan con menos poboación ca nós (Eslovenia, Lituania, Letonia,. Estonia, Chipre, Malta e Luxemburgo), elixen Comisarios na Comisión Europea e partillan directamente no Consello Europeo..
Mais sucede que o PE codecide as grandes políticas que determinan o marco onde se desenvolven os nosos sectores primarios, o complexo mar-industria, a produción e distribución da enerxía, a política xeral de investigación e desenvolvemento ou a regulación da produción industrial e da competencia.
E para Galicia son fulcrais actividades económicas como a pesca, o marisqueo e acuicultura, a conserva de produtos do mar ou a construción naval que para o conxunto do Estado español e a EU son prescíndíbeis. Ao tempo Galicia precisa dunha reorientación da política agraria común (PAC) que prime a calidade dos produtos e o coidado do rural no canto de primar a propiedade latifundista e o abandono das explotacións.
“Para Galicia son fulcrais actividades económicas como a pesca, o marisqueo e acuicultura, a conserva de produtos do mar ou a construción naval”
Ao longo dos quince anos nos que desenvolveu os seus mandatos, quer como eurodeputada, quer como responsábel da oficina do BNG no PE, Ana Miranda dou fe da existencia de Galicia como país e da singularidade dos nosos intereses. Acadar un novo mandato de Miranda como eurodeputada sen dúbida vai alén dos intereses do soberanismo galego para se converter nun bo investimento para o conxunto da sociedade galega e para a defensa dos intereses xerais de Galicia.