Para a captura de células metastásicas en cancro de ovario, desenvolvida no Hospital de Santiago
Madrid | Os investigadores do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS/SERGA) Miguel Abal e Rafael López, que lideran o proxecto de investigación “Tecnoloxía M-Trap para a captura das células metastásicas en cancro de ovario” que se desenvolve no Hospital de Santiago, mantiveron ao longo do día de hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia unha reunión de traballo con outros investigadores de sete hospitais nacionais que colaborarán no seu desenvolvemento. A tecnoloxía M-Trap foi creada en Galicia partindo dun proxecto financiado en orixe polo Fondo de Ciencias da Fundación Barrié.
No seu desenvolvemento participarán sete hospitais nacionais situados en Barcelona, Madrid, Valencia e Castelló, ademais do de Santiago, que é “o que lidera o proxecto e de onde saíu a tecnoloxía, puramente galega”, en palabras de Abal.
Ese grupo de investigación do IDIS traballa no Hospital de Santiago en contacto cos clínicos, “que son os que coñecen as enfermidades”. Alí construíron un dispositivo que captura e discrimina as células, combatendo a enfermidade.
O encontro continuará mañá con outro grupo de investigadores expertos que constituirán unha especie de comité de seguimento encargado de supervisar a marcha da colaboración.
O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) é un centro de investigación traslacional, de innovación e transferencia de coñecemento que favorece as sinerxias entre a Xerencia de Xestión Integrada de Santiago de Compostela e a Universidade de Santiago de Compostela, ás que están vinculados máis de 60 grupos e preto de 700 investigadores.
Naceu en 2008 para poñer en valor o coñecemento aplicado e converteu a Galicia en referente internacional no campo da biomedicina. É un dos 22 centros de investigación sanitaria acreditados en toda España por eI Instituto de Saúde Carlos III.