David Regades Fernández (Vigo, 1973) é desde 2019 o Delegado do Estado na Zona Franca de Vigo. Tamén ocupa o cargo de secretario do PSdeG en Pontevedra. Nesta entrevista para A Peneira-Novas do Eixo Atlántico, Regades repasa a actualidade da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, proxectos como o AVE Lisboa-Vigo, a situación da PLISAN e o plan estratéxico para a comarca do Condado-Paradanta, entre outros temas.
Comencemos coa pandemia da COVID 19 e os seus efectos económicos. Como está logrando a Zona Franca de Vigo acometer esta “nova realidade”?
Na Zona Franca somos moi conscientes do papel que deben desenvolver as institucións publicas para axudar a paliar os efectos adversos desta pandemia. No último Comité Executivo acordouse bonificacións de alugueiros en aplicación das medidas contempladas no artigo 1 da Real Decreto-lei 35/2020, do 22 de decembro, de medidas de apoio ao sector turístico, a hostalería e o comercio e en materia tributaria. Antes do 31 de xaneiro, os autónomos ou pemes arrendatarios de inmobles do Consorcio cuxa actividade se viu suspendida ou cuxa facturación se reduciu polo menos nun 75%, poderán solicitar ao Consorcio ben unha redución do 50% da renda durante o tempo de vixencia do estado de alarma e ata 4 mensualidades posteriores, ou ben unha moratoria no pago da renda durante o tempo de vixencia do estado de alarma e ata 4 mensualidades posteriores. O pago aprazado da renda deste período poderase realizar nun período de dous anos.
Cales son as iniciativas da Zona Franca para seguir impulsándose como o principal motor industrial do sur de Galicia?
Coido que, tras un ano complicado, é o momento de subir a velocidade de Zona Franca para lanzar novos proxectos que reforcen a actividade económica e os sectores estratéxicos. Por iso, os investimentos que redactamos para este 2021 superarán os 59 millóns, boa parte en parques e polígonos como a ampliación de Balaídos, Bouzas, Porto do Molle, Plisan, ampliación do PTL e A Pasaxe, que suman todos xuntos 18 millóns de euros; aos que hai que engadir o investimento na nova sede de Areal, de 2,8 millóns; 1,5 millóns para o edificio do World Car Center, cuxa obra se prevé iniciar en 2021; 4,1 para a Panificadora ou 3,6 millóns de actuacións en eficiencia enerxética en parques empresariais. Esa inversión primeiramente dará traballo directo na construción das infraestruturas que, unha vez feitas, impulsarán o crecemento e instalación de empresas.
Tamén está o AVE Lisboa-Porto-Vigo para 2030. Como observa a decisión do goberno portugués de considera-lo como “prioritario”?
Eu son un convencido para importancia da Eurorrexión como un espazo de oportunidades para situarnos nun escenario de crecente globalización e internacionalización da economía. Galicia e Norte de Portugal conforman un territorio de seis millóns e medio de habitantes, con lazos históricos que favorecen calquera fórmula de cooperación interterritorial. O tren e o elemento idóneo para mellorar a loxística de persoas e mercadorías diante dos mercados europeos. O eixo Vigo-Porto tense que fortalecer máis pronto que tarde. Xa, o enlace con Lisboa é unha cuestión do goberno portugués.
Sobre Bouzas, cal é a posición da Zona Franca ante a actual disputa entre a Autoridade Portuaria e o Concello de Vigo co respecto á ampliación dos peiraos?
Dende a Zona Franca compartimos que non é o momento de máis recheos na Ría. Este é un mar interior, unhas augas limitadas entre costas riquísimas en recursos pesqueiros e espazos para o lecer das persoas. Calquera necesidade de actuación que se expoña necesaria para o desenvolvemento económico debe ser medida e meditada e, si se pode resolver sen danar o medio ambiente, está claro que, diante das xeracións vindeiras, é a nosa responsabilidade facelo escrupulosamente e a forma na que ten que adaptarse e modernizarse a terminal de Bouzas para ser máis competitiva e eficaz.
Podería a PLISAN aliviar esa carga de traballo do Porto de Vigo?
A PLISAN naceu como “porto seco” e foi medrando no deseño inicial até chegar a ser o mais grande polígono industrial de Galicia. A súa vocación é claramente industrial e loxística e precisamente, por ser loxística claro que pode ser un piar fundamental para aquelas mercadorías que non necesitan moverse en tempos cortos de carga e descarga portuaria.
Falouse tamén da posibilidade de establecer na PLISAN unha Zona Franca así como dunha estación ferroviaria para a carga e descarga de mercadorías que enlazaría coa vía férrea Vigo-Madrid. Existen aínda esas posibilidades?
A Plataforma Loxística estase a construír como unha gran superficie de terreo dotada de conexións para o transporte intermodal, de instalacións de almacenaxe, ruptura, concentración e distribución de carga relacionadas co comercio internacional. Na zona máis próxima ao Miño en breve albergará un área loxística intermodal de concentración de terminais ferrocarril-carreteira para operadores loxísticos e de transporte, incluso con centros loxísticos de empresa (con actividade compatible de transformación). O ter acceso directo desde a liña Vigo – Ourense e conexión directa co Porto de Vigo é una das grandes vantaxes da PLISAN. A cualificación como área coas características especiais de “zona franca” a valoraremos segundo nos manifesten as compañías as súas necesidades empresariais.
Acaba de acordar co alcalde da Cañiza, Luís Piña, a elaboración dun plan estratéxico sobre a Cañiza e o seu entorno de Condado e A Paradanta. Que posibilidades ve nesa promoción estratéxica?
Co alcalde, Luís Piña, acordamos realizar primeiramente un traballo de análise, que nos permitirá establecer os mecanismos necesarios para a toma de decisións. Será ese traballo quen nos dea as claves estratéxicas para tomar as decisión máis acaídas coa comarca. O coñecemento científico que nos aporte o devandito estudo, que non só analizará a economía, o tecido empresarial e a situación social ou tecnolóxica, senón tamén a repercusión da crise do Covid na Cañiza. O estudo será un proceso participativo e, por iso, non só estará a visión dos expertos senón que tamén vai participar a economía da Cañiza para recompilar opinións, percepcións e ideas de axentes e entidades público-privadas relevantes sobre a situación actual e os retos futuros. Tamén se estudarán casos de éxito, modelos similares no mundo, “para traer eses exemplos nacionais ou internacionais que poidan ser inspiradores”. E, desde logo, está claro que non comezaríamos esta andaina sen verlle potencial á comarca.
Conservas ALBO ven de reunirse coa alcaldesa de Salvaterra do Miño para ultimar a súa presenza na PLISAN. Non obstante, eran palpables os retrasos nas comunicacións coa PLISAN para o asentamento de empresas, un factor importante para o impulso do emprego na zona de Condado/Paradanta. Como observa vostede esta situación?
Cando tomei posesión do cargo, atopeime un enorme proxecto do que dependía os novos asentamentos industriais de toda Galicia Sur completamente paralizado. Igual que todos os veciños e veciñas do Baixo Miño pensei que iso era inaceptable e traballei arreo para ir desatascando a maraña administrativa na que estaba inmersa a PLISAN. Do que pasou antes non vou volver falar, o único que quero salientar é que hoxe temos urbanizadas as parcelas da primeira e da segunda fase da zona loxístico-empresarial. En total son 900.000 metros dos que son útiles uns 450.000 na primeira fase, e outro tanto na segunda. Coa instalación das primeiras empresas vemos xa rematado un longo proceso e que permitirá dispoñer de mellor parque loxístico-empresarial da Eurorrexión.
Estos retrasos na PLISAN, poden supoñer un despilfarro orzamentario que afecte a concreción do proxecto do polígono industrial?
En absoluto. Cada euro invertido será un xermolo de novas empresas e postos de traballo. Deixemos de pensar naqueles vinte anos de parón e agora poñamos a vista e o esforzo en salientar diante dos mercados exteriores as vantaxes que se abren neste área.
Finalmente, fronte “aos saldos de terreos” que os portugueses poñen no mercado constantemente, cre que o PORTO SECO (PLISAN) poderá algún día ser un foco de riqueza importante para a zona e para Galicia?
Na primeira oferta pública de venda da Plisan acadouse o compromiso de uso de parte do 20% do chan disponible, ese é un magnífico resultado do que poucos polígonos poden presumir. A nosa política non é saldar nada, é poñer á disposición das empresas as mellores infraestruturas dotadas cos mellores servizos. Si compramos alta gama tecnolóxica non podemos comparar con tecnoloxía madura. Isto o entende calquera e que conste que non quero dicir que os polígonos portugueses sexan de baixa calidade, porque son correctísimos, quero dicir que a PLISAN ten todas as características para ser o mellor lugar para a instalación de empresas de distintos ámbitos de produción que busquen una perfecta localización para producir no sur de Europa e ter conexión coas redes do comercio mundial. Por iso, a rendibilidade media por traballador dos polígonos de Zona Franca chega a acadar un 30% máis que a media dos polígonos existentes. Investir en Zona Franca de Vigo é unha aposta segura, é investir en futuro.