Aldea Global | Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades participou en Oviedo na imposición de insignias de ouro e na entrega de diplomas de honra aos empresarios Adolfo Domínguez e Orlando Alonso con motivo da celebración do Día de Galicia en Asturias.
O político galego valorou o “sentimento de irmandade” entre Galicia e Asturias e chamou a reforzar os lazos históricos que unen ambas comunidades desde o punto de vista social, cultural, e tamén económico “a un e outro lado do Eo”.
Román Rodríguez, que asistíu representando ao Goberno da Xunta, agradeceu o labor da Asociación Día de Galicia en Asturias, que preside o ourensán Manuel Fernández Quevedo, impulsora deste evento anual que representa “a fraternidade e a colaboración”.
Sentimentos que tamén inspiran as traxectorias dos galardoados nesta edición, o deseñador e empresario ourensán Adolfo Domínguez e do presidente executivo de Windar Renovables, de Avilés, Orlando Alonso, que -en palabras do conselleiro- “reúnen os valores que marcan a nosa forma de ser como é a creatividade, a capacidade de traballo e o espírito emprendedor” e “nunca deixaron de levar con orgullo o nome de Galicia e de Asturias por todo o mundo”.
A este 27 aniversario da asociación asistiron Alfredo Canteli, alcalde de Oviedo xunto á corporación municipal e Juan Cofino, vicepresidente do Principado de Asturias. Tamén participaron nos actos Pablo Junceda, director xeral do Banco Sabadell Herrero; Jesús Chamorro, presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Asturias; Emilio Esteban, xefe de Oncoloxía do HUCA; José Manuel Granda, presidente do Centro Asturiano de Oviedo e a alpinista Rosa Fernández.
A Real Banda de Gaitas Ciudad de Oviedo deu a benvida aos homenaxeados e a todos os invitados, tanto na porta do hotel Reconquista, como no seu interior. Tras a entrada e os saúdos entre as diversas personalidades, comezou o acto nun dos salóns do hotel. O primeiro en dar a benvida aos asistentes foi o alcalde de Oviedo. “Este non é un acto máis, é o reflexo de anos de intenso traballo, esforzo e dedicación”, asegurou. Un labor, a da asociación, para “conectar Asturias e Galicia”. Ademais, o rexidor ovetense enxalzou a figura de ambos os premiados: “Representan o mesmo nivel e compromiso coas súas comunidades que excelencia empresarial”.
O “enorme arraigamento” ás terras que viron nacer a Domínguez e Alonso tamén foi remarcado en varias ocasións durante o acto. E chegou a quenda de que Manuel Fernández Quevedo entregase as insignias de honra e o carné de socios de honra a Adolfo Domínguez, primeiro, e a Orlando Alonso, despois. “Teño unha relación moi estreita con Asturias, viña polo menos unha vez cada ano”, asegurou o modisto ourensán que resaltou figuras como a de Luís Fernández Vega e a libreira Conchita Quirós. Mentres, Orlando Alonso definiu a Galicia e Asturias como “dúas terras cunha pegada indeleble; dúas comunidades con valores en común, con mirada no exterior”.
Manuel Fernández Quevedo, referíndose aos homenaxeados, dixo que “nunca se esquecen das súas raíces galegas ou asturianas”. Fernández Quevedo recibiu unha distinción por parte da Asociación Vítimas do terrorismo que foi entregada por Ana Díaz, delegada en Asturias de dita asociación. Tina Gutiérrez e Antonio Barros interpretaron os himnos de Asturias e Galicia. O colectivo de galegos residentes en Oviedo celebrou tamén o anual acto empresarial astur-galaico na sede da Cámara de Comercio de Oviedo e un concerto en homenaxe ao pobo ucraíno no Auditorio Príncipe Felipe da capital do Principado coa participación de Yuri Nasushkin cos seus músicos e o cantante Antonio Barros. De noite serviuse unha queimada de balde na carpa que a asociación tivo instalada durante dez días na rúa Picasso na que se se desenvolveron xornadas gastronómicas. Na catedral celebrouse unha misa cantada pola soprano Tina Gutiérrez.