A Xunta de Galicia distinguíu á Irmandade Xurídica Galega(IXUGA) co Premio da Cultura Galega 2017 polo labor realizado na galeguización dos espazos xurídicos. Aínda que o xurado non explicitou na acta os méritos, cómpre que relacionemos algúns, porque se algo se fixo neste ámbito, moito ou pouco, débeselle á Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNL), que dinamizou en solitario o proceso regaleguizador, e á IXUGA, que é unha sección daquela.
Unha tarde do mes de xuño de 1987 reuníronse vinte xuristas para dar a coñecer a “Declaración de Rois”, deseñando o plan para rachar cos séculos de prohibicións tantas veces denunciados do uso do noso idioma nas instancias xudiciais, como fixera o Congreso do Dereito Galego celebrado en 1972. Coa publicación da primeira sentenza en galego o 20 de maio de 1985 rompérase o maleficio.
A aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia (1981), Lei de Normalización Lingüística de Galicia (1983) e a Lei Orgánica do Poder Xudicial (1985) abríronllelas portas á incorporación da lingua galega aos usos xudiciais. Mais as sinerxias do pasado tiñan tanta forza que avogados e xuíces obviaron o marco xurídico que establecía a validez dos instrumentos xurídicos redactados en galego. Malia recoñecer a Lei de Normalización (art. 7.2) que as actuación xudiciais son válidas e producirán os seus efectos calquera que sexa a lingua oficial, moitos operadores xurídicos aínda hoxe non fan uso do amparo legal que lles asiste para demandaren dos xulgados as notificacións (incluídas as sentenzas) na lingua cooficial que elixan. A Facultade Dereito de Santiago e as Escolas de Prácticas Xurídicas non tiveron a ben entón aceptar as propostas que a AFNLG lle fixera para sensibilizar ao alumnado e profesorado incluíndo módulos formativos para crear unha nova corrente favorable á normalización lingüística. É certo que hoxe xa hai maior receptividade por parte dalgúns docentes da tres facultades de dereito e Colexio de Avogados de Santiago, que é o que máis se leva significado no discurso da galeguidade xurídica, pero queda moito labor que facer.
Sen embargo, grazas á constancia da AFNLG as circunstancias foron mudando. Traducíronse e publicáronse o textos das leis fundamentais, conseguindo ademais que o Congreso dos Deputados aprobase a iniciativa parlamentaria de publicar as leis no BOE nas catro linguas do Estado, e a constitución dos gabinetes de asesoramento lingüístico nas audiencias provinciais e Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
A IXUGA, que se constitúe en 2007, é a herdeira dese ímprobo labor galeguizador. Deste entón todos os anos celebránse actividades para sensibilizar aos profesionais do dereito e xudicatura. Son tantas as actividades que no espazo desta colaboración non poden ter cabida a relación de todas elas. Pero é oportuno sinalar a recuperación da memoria de todos aqueles xuristas que foron avogados desta tarefa regaleguizadora. A todos eles tenlles erixido monumentos e placas conmemorativar para perpetuarmos o seu exemplo. Este ano correspóndelle ao rexistrador, bibliófilo e galeguista, Fermín Penzol Labandeira, figura de gran trascendencia no galeguismo do primeiro terzo do século XX, tal e como se explica na biografía que se publicará este ano para a ocasión, coa descuberta dun monumento que estará ubicado nas inmediación da Facultade de Dereito o día 9 ás 18:00 horas.
O día 10 de xullo, no histórico Paraninfo da USC onde Álvaro das Casas fora presentado polo alumno da Facultade de Dereito, Francisco Fernández del Riego, pronunciará o celebrado discurso de exaltación da galeguización da Universidade titulado “Verbas aos mozos galegos” o 9 de marzo de 1933, a IXUGA conmemorará aquel feito histórico coa celebración da súa décima asemblea co ingreso de trinta novos irmandiños e irmandiñas que serán os protagonistas dunha esperanza sólida para a galeguización das instancias xudiciais.