Nas crises actuais haberá que tomar en consideración a capacidade de mediación de China para a resolución de conflitos como os que estamos observando dende Ucraína ata Oriente Próximo co actual enfrontamento entre Israel e Hamás.
Con anterioridade, Beijing ten impulsado iniciativas de mediación importantes para garantir a estabilidade rexional. En 2022 propiciou a normalización de relacións entre Irán e Arabia Saudí cando ámbolos dous estaban a piques dun enfrontamento armado. En marzo pasado foi o único país que presentou, en primeira instancia, unha iniciativa de negociación e alto ao fogo entre Ucraína e Rusia inmediatamente desestimada por EE.UU e os seus aliados da OTAN, máis preocupados en seguir armando a Ucraína “ata a vitoria final”. Tras a iniciativa chinesa para Ucraína viñeron as de outros membros do BRICS como Brasil e África do Sur,
Hoxe asistimos á carnicería en Gaza sen aparentes perspectivas de resolución diplomática. Tras enviar ás augas mediterráneas a un dos seus máis importantes portaavións, o presidente estadounidense Joseph Biden viaxou a Israel para amosar publicamente o apoio frontal de Washington ao seu histórico aliado israelí. Non obstante, mentres Israel bombardea este territorio palestino, Biden avanzou na apertura dun corridor humanitario vía Exipto. A medida tómase ante a posibilidade de espallamento rexional da crise Israel-Hamás, especialmente se o conflito termina expandéndose cara as vecinas Líbano, Siria e especialmente ante a posible intervención iraniana, aliado de Hamás, do Hizbulá libanés e do réxime sirio.
“Poderá China ser o mediador clave para a resolución da crise entre Israel e Hamás? Ten capacidade Beijing para neutralizar a espiral de violencia rexional?”
Poderá China ser o mediador clave para a resolución da crise entre Israel e Hamás? Ten capacidade Beijing para neutralizar a espiral de violencia rexional? Obviamente as incertezas asoman. Pero as iniciativas chinesas anteriores dan a entender que existen expectativas posibles tendentes a ilustrar unha especie de pax chinesa en Oriente Próximo.
Cun Oriente Próximo en clima de guerra, o presidente chinés Xi Jinping relanzaba en Beijing a estratexia “Belt and Road”, a Franxa e a Ruta, momentaneamente ralentizada pola COVID. Coa presenza entre outros do presidente ruso Vladimir Putin, Xi estipulou as novas iniciativas en marcha, apostando pola multipolaridade e os mecanismos multilaterais. A estratexia de Xi é ampliar a capacidade de China para decidir nos asuntos globais como contrapeso á unilateralidade estadounidense.
Isto lévanos á crise palestino-israelí. Beijing ten manifestado simpatías pola causa palestina nun abano de relacións cordiais co mundo islámico, a pesares de reprimir as expectativas separatistas dos musulmáns uigurs na rexión chinesa de Xinjiang. Toda vez as súas relacións con Israel son basicamente cordiais aínda que obviamente con certos roces por esta sintonía sino-palestina.
Se observamos o plano de alianzas rexionais, e a diferenza de EE.UU e Europa, China sería o interlocutor máis acaído para sostener unha mediación viable: é o único país que mantén relacións cordiais con tódolos actores involucrados directa ou indirectamente no conflito: Israel, Autoridade Nacional Palestina, Exipto, Xordania, Siria, Líbano, Iraq, Irán, Turquía e Arabia Saudita, algúns deles elevados incluso ao plano de relación e asociación estratéxica. Relacións fraguadas no respecto que mantén Beijing da soberanía estatal, da súa posición de non entrometerse nos asuntos internos e especialmente fortalecendo o ámbito da cooperación económica.
Por tanto, e vendo estas capacidades chinesas, compre preguntarnos: pode Beijing ser o mediador para a paz na rexión? Hai razóns suficientes para agardar que así sexa. Permitirán EE.UU e Occidente esa posibilidade de pax chinesa? Seguramente non, e máis vendo o recente precedente de obstaculizar a mediación de Xi na guerra de Ucraína. Por máis que Washington perdera peso nos asuntos rexionais en Oriente Próximo é claramente perceptible que non permitirá que o seu principal rival global, China, ocupe ese espazo como actor de influencia e menos de resolución de conflitos. E máis tomando en conta a alianza estratéxica euroasiática sino-rusa, o inimigo declarado da OTAN tal e como vimos no cumio de Madrid de 2022, reafirmando no de Vilna en xullo pasado.