Ponteareas | Ponteareas premiou a creatividade do seu alumnado no IV Concurso de poemas ilustrados de Rosalía de Castro, que celebrou a súa gala de entrega de galardóns no auditorio municipal coincidindo coa conmemoración do Día Mundial da Poesía.
Trátase dun certame que implicou ao alumnado de primaria ponteareán “co que se buscaba tamén homenaxear a alma mater da nosa poesía, a poeta Rosalía de Castro”, como salienta o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.
En total, o xurado seleccionou 16 traballos entre os máis de 80 presentados do CEIP Santiago de Oliveira, do CEIP Plurilingüe Feliciano Barrera de Guláns, do CEIP Fermín Bouza Brey, do CEIP Plurilingüe Nosa Señora dos Remedios e do CPR Plurilingüe A Inmaculada.
Deste xeito, nesta edición Lara Álvarez acadaba o primeiro premio, mentres que Carmen Porto, Lucía Blanco e Laura López conseguían o segundo, terceiro e cuarto posto, respectivamente.
As outras nenos e nenas de primaria galardoados foron Leire Porto, Nicolás Acuña, Antía Fernández, Carmen González, Roi Lamela, Keely Dagneth Vala Saldanha Corpio, Uxía del Río, Antía Prego, Asier dos Santos, Sara Bargiela, Iria Barros e Saray Fernández. Os 16 traballos premiados decorarán as páxinas do calendario escolar do vindeiro ano.
O xurado estivo formado polo catedrático de debuxo Berto Álvarez Rodríguez, polo poeta e dramaturgo Roi Vidal Ponte e pola escritora e polifacética Pilar Alonso Suárez, que tiveron unha longa deliberación ata chegar á resolución final do certame.
“Dende o Concello queremos dar os parabéns a todas e todos os premiados e agradecer a participación e implicación do profesorado dos centros participantes, porque sen eles e elas este certame non sería posíbel”, explica o edil, que tamén quixo dar as grazas ao xurado “polo seu intenso traballo e as súas reflexión sobre as propostas presentadas”.
O broche de ouro desta gala púxoo a actuación das Punkiereteiras, un grupo de mozas ponteareás que comezaron como un obradoiro de pandeireta e canto tradicional no CSA O Fresco e que acabou por converterse nun arma de loita e reivindicación coas que expresan as inxustizas con toques de humor.