O Pereiro de Aguiar | Gabriel Alén, delegado da Xunta en Ourense, participou co alcalde, Luís Menor, na festa etnográfica. Tras percorrer as diferentes casetas, Gabriel Alén subliñou a contribución da Xunta á recuperación desta festa etnográfica a través dun campo de voluntariado enmarcado na campaña de verán da Consellería de Política Social e Xuventude.
A Festa Etnográfica do Pereiro tenta recuperar os oficios tradicionais, tal e como a olería, cestería, talla en madeira, apicultura ou elaboración de instrumentos musicais co obxectivo de evitar que se perdan estas tradicións e poñer en valor esta riqueza intanxible dos nosos devanceiros.
Os once mozos e mozas participantes no campo de voluntariado viñeron de Turquía e México así como de Galicia, Valencia, Zaragoza e Toledo. Ademais das actividades etnográficas, o campo de voluntariado inclúe visitas arredor da cidade e termas de Ourense, dinámicas de educación ambiental e de reciclaxe, e charlas sociais polas entidades colaboradoras.
Os participantes tamén colaboraron na recuperación de xogos tradicionais e na novidosa creación de recursos audiovisuais para a súa difusión por internet. A festa incluiu música, danza e gastronomía tradicional.