IV edición do foro “As mulleres que opinan son perigosas”

Será o 5 e 6 de marzo con dezaséis xornalistas nacionais e internacionais, patrocinado pola Deputación e o Concello de Pontevedra

Pontevedra | Dezaseis das mulleres máis potentes do periodismo local, nacional e internacional, entre elas xornalistas con premios Pulitzer e premios Ondas, directoras de medios ou xefas de sección, redobran a aposta da cuarta edición do foro “As Mulleres que Opinan son Perigosas”, patrocinado pola Deputación e o Concello de Pontevedra, que neste 2021 volve ser telemático e chega, se cabe, con máis forza que nunca.

As xornadas que naceron hai tres anos en Pontevedra da man das xornalistas Susana Pedreira e Diana López Varela, en resposta á ausencia de mulleres columnistas invitadas nun debate en León, regresarán os días 5 e 6 de marzo como a mellor antesala ás celebracións do 8M con sete horas de debate e un total de doce relatorios “para tomar a palabra nas redes”, con voces tan recoñecidas como Esther Palomera, Almudena Ariza ou Mar Cabra.

Tal e como expresou a presidenta provincial Carmela Silva “este é un acto de resistencia” e “unha das mellores ideas non só na nosa provincia e en Galicia, senón no conxunto do Estado porque foi quen de facer que todo o mundo mirara cara a esta provincia” e destacou que cada edición supera á anterior. Conxurouse para que esta sexa a última celebración en liña e subliñou que “é fundamental manter este tipo de iniciativas que reflexionan con miradas, con voces de mulleres potentísimas no eido da comunicación e amais facelo cada vez dunha forma máis ampla, falando de cuestións que afectan á humanidade e que precisan que haxa voces, escrita, palabras e posicionamentos da metade da poboación”. “Seguimos dando que falar –apuntou-. Porque as mulleres non só opinamos, senón que opinamos moi ben”.

“Tal e como expresou a presidenta provincial Carmela Silva ‘este é un acto de resistencia’  e ‘unha das mellores ideas non só na nosa provincia e en Galicia, senón no conxunto do Estado porque foi quen de facer que todo o mundo mirara cara a esta provincia”

Carmela Silva tamén quixo reivindicar o foro como “un acto de denuncia, porque a situación non ten mellorado para as mulleres coa pandemia, todo o contrario, ten empeorado” e citou o caso da brecha salarial, os datos de desemprego feminino e o feito de que “as actividades e o tempo que temos que dedicar á nosa profesión e ao noso fogar ligadas aos coidados provoca un estrés insufrible que padecemos nós maioritariamente”. Engadiu que este ano, por exemplo, esta situación de empeoramento notouse no ámbito da investigación, “onde os papers das mulleres descenderon moitísimo e sen embargo aumentaron os dos homes, porque teñen máis tempo e o dedican a opinar e publicar as súas investigacións, mentres que as mulleres temos que dividirnos como sempre”. Pero concluíu cun mensaxe de optimismo, porque “as mulleres estamos aquí, seguimos opinando, reclamando e denunciando e poñendo unha mirada propia sobre o mundo que nos rodea”.

Pola súa banda o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores dixo que “é imprescindible seguir a visibilizar e denunciar publicamente a situación de discriminación en que se atopan as mulleres, e os e as responsables políticas temos a obriga de facelo, ao igual que os medios”, sobre todo tendo en conta que “no século XXI segue a haber negacionistas do machismo, ao igual que do fascismo ou o franquismo”. “Espero que haxa un seguimento grande de todos os debates, que sexan proveitosos e que signifiquen que no futuro teñamos unha sociedade máis xusta, igualitaria e respectuosa cos dereitos de todas as persoas, empezando polas mulleres, que teñen toda a razón do mundo en reivindicar esa igualdade”.

Relatoras
A xornalista Susana Pedreira, unha das promotoras do Foro, este ano incorpóranse novos temas e, deste xeito por exemplo estarán presentes a divulgación científica, “que ten máis forza que nunca”, así como o humor, o fotoxornalismo, “porque os e as fotoxornalistas durante o confinamento foron os nosos ollos”; a memoria e os podcasts. Pedreira referiuse tamén ao feito de que a celebración destas xornadas en liña está a permitir a creación dunha “biblioteca de contido on line na que as mulleres, a perspectiva de xénero e no noso caso o xornalismo son os protagonistas”.

Deste xeito nesta cuarta edición enriquecerá ese fondo con outras sete horas de contido “que a xente vai poder ver en directo desde calquera lugar do mundo e que quedará almacenado na rede nas canles de Youtube tanto da Deputación como do Concello”. Engadiu que ata agora, as tres edicións anteriores superaron as 10.500 visualizacións das conferencias, que se sumaron á repercusión que tivo a cita nos dias de celebración e durante as emisións en directo. “A biblioteca que estamos a crear é como encher 24 veces o Teatro Principal; parécenos interesante seguir agrandando ese contido”.

“Esta cuarta edición enriquecerá ese fondo con outras sete horas de contido ‘que a xente vai poder ver en directo desde calquera lugar do mundo e que quedará almacenado na rede nas canles de Youtube tanto da Deputación como do Concello”

Pola súa banda, Diana López Varela, que interviño telematicamente trala súa recente maternidade, destacou a presencia entre as relatoras de dúas premios Pulitzer, como son Mar Cabra, xornalista de investigación recoñecida polo seu traballo nos papeis de Panamá, e que vai falar do “tecnoestrés xornalístico”, así como de Susana Vera, primeira fotoxornalista española en acadar o citado galardón.

O foro ten tamén entre as súas participantes a dúas das máis prestixiosas mulleres do xornalismo en España: Almudena Ariza, correspondente con vinte anos de traxectoria, e Esther Palomera, especializada na análise política. Así mesmo, terán voz xornalistas especializadas no mundo musulmán, como Ebbaba Hameida e participarán tres directoras de medios: María Obelleiro (Nós); María Yáñez (Vinte) e Silvia Carregal (As Nosas). Estarán tamén as responsables da sección de Economía dos principais xornais galegos, Mercedes Mora (Voz de Galicia) e Lara Graña (Faro de Vigo).

Pola súa banda, Pampa García Molina falará de ciencia, e o mundo do humor estará representado por Henar Álvarez, mentres que a primeira correspondente de xénero do diario El País, Pilar Álvarez, falará das novas responsabilidades con perspectiva de xénero e María Jesús Espinosa de los Monteros do mundo dos podcasts. Do eido local, as xornalistas Belén López e Montse Fajardo abordarán o tema da cultura e a memoria neste ámbito.

O debate poderá seguirse polas canles do Concello e a Deputación de Pontevedra pero tamén está aberta a inscrición para velo por Zoom a través das webs de ambas administracións (ata o 4 de marzo), no caso de querer intervir e facer preguntas ao remate dos relatorios.