A IV edición dos premios Martín Códax da Música acadou un novo éxito de participación con case 450 inscritos, igualando o número de proxectos que participaron na anterior. A directiva de Músicos ao Vivo destaca o apoio dos músicos galegos para visibilizar, como cada ano, a gran cantidade, calidade e diversidade dos proxectos musicais do noso país; e sobre todo, insiste no “carácter non competitivo deste certame, que só trata de poñer en valor e achegar á cidadanía, o gran potencial do sector musical galego”.
Os finalistas de cada categoría faranse públicos o vindeiro 6 e abril na Festa de Nomeados que se celebrará, como cada ano, nas Bodegas Martín Códax en Cambados. Para saber cales son os proxectos gañadores haberá que esperar á gala do día 3 de maio que se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Santiago de Compostela | Despois dunha primeira edición na que se saldou unha débeda histórica coa música galega, e dunha segunda e terceira nas que se se consolidou o certame (incorporando os Premios Organistrum para recoñecer o labor da industria, reacomodando as datas e sumando categorías importantes); esta IV Edición supón o asentamento definitivo dos PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA, con 449 proxectos inscritos, un máis que na anterior edición. Desta volta, ademais, as bases non permitían presentarse aos premiados na pasada edición. Unha vez máis, foron cubertas todas as categorías, o que demostra, segundo o voceiro de Músicos ao Vivo, Ramón Bermejo, “o indiscutible potencial e diversidade musical de Galicia e afianza a MAV como a casa común d@s músic@s galeg@s.”
Ademais das 16 categorías musicais, novamente as salas, festivais e espazos de comunicación musicais, cómplices imprescindibles das músicas e músicos galegos, ven tamén recompensado o seu importantísimo labor a través dos Premios Organistrum. Unha realidade que vén a demostrar que esta é a gran festa da música galega e a oportunidade para visibilizar e recoñecer o traballo de toda a comunidade musical. Dun sector cun potencial aínda por explotar. O voceiro de Músicos ao Vivo agradece “a implicación das músicas e músicos galegos nesta festa de todo o sector e sinala que os resultados acadados “volven converter á web www.premiosmartincodaxdamusica.com na plataforma de música galega máis importante do momento”. Bermejo asegura que o balance non podía ser máis positivo: 386 grupos, 17 salas, 24 festivais e 21 medios de comunicación inscritos, e engade que “esta cuarta edición do certame pasará á memoria como a edición da asentamento: os Premios Martín Códax da Música chegaron para quedarse e para visibilizar a música que se fai no país”. O voceiro de MAV conclúe a súa valoración asegurando que “estes premios trascenden ao meramente competitivo: o obxectivo final deste certame é poñer en valor un sector estratéxico e fortalecer o espírito de comunidade, de familia, de riqueza cultural”.
A categoría de rock volve ser a máis numerosa con 68 inscritos. Ademais, destaca tamén a categoría de pop/indie con 47 proxectos. O que da boa mostra do excepcional momento que vive Galiza nestes estilos, con propostas moi orixinais e de calidade internacional.
En canto ao resto de categorías compre salientar o bo momento da Canción de Autor con 39 inscritos e os 34 de Músicas do Mundo, o que da unha idea da diversidade de estilos feitos en Galicia. Séguenlle 28 en Folque e 25 en Jazz, estilos cunha gran traxectoria e seguemento no país. Con 21 proxectos están as categorías de Blues/Funk/Soul, Clásica e Electrónica. O Metal galego amosa a súa forza con 19 inscritos; a Música Infantil quédase en 13; e con 11 proxectos atopamos 3 categorías (Hip Hop, Tradicional e Reggae/Ska/Mestizaxe). Por último, presentáronse 10 proxectos en Coros e Grupos vocais, e 8 en Orquestras/Grupos/Música de Verbena.
Desde a organización recoñecen que os inscritos son só a punta do iceberg, e que en Galicia faltan moitos proxectos musicais por saír á luz. Admiten tamén que categorías como Tradicional e Música de Verbena non reflicten a riqueza e a inxente cantidade de proxectos deste tipo que existen en Galicia; e animan a todos os que formen parte deste tipo de proxectos a participar en vindeiras edicións.
Os IV Premios Martín Códax da Música darán visibilidade a 3 proxectos finalistas por cada unha das 16 categorías que se convocan. En total, botarán luz sobre 48 proxectos musicais galegos actuais e en activo, garantindo así a transcendencia mediática e o potencial tan diverso da música galega, así como a súa tradución ao mercado musical do momento, tanto o discográfico como o da música ao vivo. Ademais concederanse 3 Premios Organistrum á mellor sala, festival e espazo de comunicación musical; e o Premio Honorífico Músicos Ao Vivo que se fará público en vindeiras datas.
O proceso de votación
Mediante un proceso de votación online e privado a través da web www.premiosmartincodaxdamusica.com, as socias e socios de Músicos Ao Vivo escollerán entre o 6 e o 26 de marzo aos 3 finalistas de cada unha das categorías existentes, que se farán públicos o 6 de abril durante a Festa de Nomeados que se celebrará, como cada ano, nas Bodegas Martín Códax, en Cambados.
Como novidade, nesta edición, un xurado integrado por músicos e profesionais do sector decidirá os proxectos gañadores en cada unha das categorías, de entre os finalistas. O xurado, que tamén fará as súas escollas a través do sistema de votación online de Músicos ao Vivo, será secreto e os nomes dos seus integrantes non se farán públicos ata finalizar o proceso. Os gañadores coñeceranse o 3 de maio no transcurso da Gala de Entrega de Premios que terá lugar un ano mais no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Para facerse soci@ de Músicos ao Vivo e poder participar no proceso de votación so é preciso ser músico e asociarse en www.musicosaovivo.com.