O Covelo | Un ano máis o Concello de Covelo quere recoñecer a traxectoria da súa veciñanza e ultima xa unha nova edición dos premios “Síntete Covelo”. A novena edición ten aberto o prazo para as candidaturas que optarán a recibir este sentido recoñecemento.
Coa finalidade de facer público o recoñecemento á traxectoria de persoas ou entidades que leven a cabo proxectos destacados e relevantes para o noso Concello e para Galicia, o Concello de Covelo entregará este premios para os que estará aberto o prazo de propostas ata o vindeiro día 1 de decembro ás 14 horas.
Calquera persoa poderá presentar candidaturas que terán que estar relacionadas coa contribución á creación, ás artes, á ciencia ou humanidades, ao deporte, ao medio ambiente e á conservación do noso entorno e paisaxe local.
As candidaturas teranse que presentar mandando un informe de méritos ao correo electrónico rexistro.covelo@fegamp.gal ou ben por correo ordinario ou presencialmente nas oficinas do Concello.
Deberán incorporar o seu curriculum ou memoria do seu percorrido e traxectoria, notas de prensa, entrevistas na radio ou televisión, vídeos, etc., que deberán aportar nun sobre onde se indiquen os datos da persoa, empresa, asociación ou club que se propón para o “IX Galardóns Síntete Covelo”. O xurado, composto por tres concelleiras e concelleiros de todos os grupos da Corporación, entregará o premio o sábado día 23 de decembro ás 18:30 horas no auditorio municipal.
Por outra banda, a obra “Xeometría” de Rosa María Tielas gañou o primeiro premio do IV Concurso de Fototgrafía do Concello de Covelo.