O Covelo | O IX galardón “Síntete Covelo” recoñecerá a traxectoria de Joaquín Vales Piña e Xabi Gómez Lorenzo. Será o vindeiro sábado día 23 de decembro no auditorio municipal de Covelo ás 18 horas.
Joaquín Vales Piña recibirá o galardón que recoñecerá o seu espírito emprendedor e a súa importancia na industria tradicional grazas ao Serradoiro dos Carranos que chega aos nosos días como relevante xoia do patrimonio industrial do século XX. O Serradoiro dos Carranos é, a día de hoxe, un potente atractor de turismo que recibe ao longo do ano milleiros de visitantes.
Nas xornadas de portas abertas organizadas polo Concello de Covelo as persoas participantes poden coñecer a historia do Serradorio da man dun guía experto co que logo percorren un roteiro da contorna. Á beira do regato de Vixiáns, no fluír ó río Tea, atópase este serradoiro, levantado en 1922 sobre os piares dun vello muíño de auga. Está composto de catro edificacións: o serradoiro, un sequeiro e almacén de madeira, unha pequena forxa onde se forxaban as ferraxes para os carros e un pequeno almacén.
Tamén podemos atopar un pequeno forno onde se queimaban os residuos, os raís para o transporte da madeira ata o interior do serradoiro e as escaleiras talladas en rocha que permiten o acceso ás comportas para abrir ou pechar a auga que verte a noria. A dedicación principal deste conxunto era a fabricación de carros, de aí ben o nome de Carranos. Pertence a Joaquin Vales Piña, de Maceira, quen o herdou dos seus familiares. Na actualidade, alberga unha aula de interpretación da natureza e do patrimonio etnográfico, con paneis informativos e vídeos explicativos.
O patinador Xabi Gómez Lorenzo recollerá este sábado o seu galardón polos seus éxitos deportivos que levaron o nome de Covelo ás competicións galegas e españolas. Xabi comezou a súa carreira deportiva na patinaxe artística no Club COVELO P.A. con licenza oficial dende o ano 2009 . Neste club competíu nas categorias de niveis dende o ano 2010 e despois iniciou a súa carreira a nivel Nacional (1ª categoría) no 2014.
Cada ano, dende esa data, competíu en Trofeos Xunta e Deputación de Pontevedra, campionatos provinciais e campionatos galegos. Co Club Covelo Patinaxe Artística foi medalla de ouro e campión galego no ano 2016 e medalla de prata e subcampión galego nos anos 2014,2015,2017,2018 e 2019. Ao longo detes dez anos participou en varios torneos nacionais obtendo en todos eles postos relevantes en diversas categorías.No ano 2020 cambiou de modalidade na patinaxe artistica, pasou a formar parte dos grupos show, con licenza federativa no Club Condado Patinaxe Artística de Salvaterra de Miño conseguindo o primeiro posto no Campionato Galego de Grupos Show na categoría junior nos anos 2021 e 2022 e xa na categoría de grupos show grandes fíxose campión galego neste ano 2023.
No ano 2022 obtén os seguintes títulos de Xuíz de niveis da Federación Galega de Patinaxe e o título de Adestrador do nivel 1 da Federación Española de Patinaxe. Xabi, foi recoñecido como persoa Deportista de alto nivel, segundo Resolución do 21/04/2023, publicada no DOGA o 02/05/2023 pola modalidade de patinaxe (Xunta de Galicia. Vicepresidencia segunda e consellería de presidencia, xustiza e deportes).
Actualmente é alumno da Universidade de Santiago de Compostela onde cursa primeiro de Mediciña e quere chegar ó máis alto posible, tanto na súa carreira deportiva como profesional.
A afamada cantante Uxía pechará a entrega de premios cos seus Cantos e Contos de Nadal.