Javier Solana intervirá no parladoiro da Casa do Pobo en Ourense

Contará as súas vivencias persoais e analizará a actualidade internacional, asegura o PSdeG

Ourense | O PSdeG-PSOE de Ourense organiza este venres, día 24, ás 19:30 horas, na Casa do Pobo provincial, un novo parladoiro aberto á cidadanía, no que se analizará a actualidade internacional da man de Francisco Javier Solana y de Madariaga. Un novo acto, que nesta ocasión realizarase de xeito telemático e no que todas aquelas persoas que o desexen poderán participar dende a sede provincial socialista, interactuando en directo co protagonista deste parladoiro.

Javier Solana é o actual presidente de EsadeGeo e conta ademais cunha importante bagaxe a nivel internacional, pois foi secretario xeral da OTAN entre 1995 e 1999 e Alto Representante para a Política Exterior e a Seguridade Común da Unión Europea entre 1999 e 2009. “Unha voz fidedigna que nos contará as súas vivencias persoais durante eses anos e analizará a actualidade internacional, facendo fincapé en diferentes cuestións”, explican dende a Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense.

Neste parladoiro telemático tamén se falará sobre o actual panorama xeopolítico internacional, facendo fincapé na situación actual e no que acontece en países como China, Rusia ou Estados Unidos, ademais de analizar a situación coa guerra en Ucraína ou o conflito palestino-israelí. O obxectivo, segundo apuntan as e os socialistas, “é xerar un novo espazo de debate cos asistentes e que estes poidan interactuar con Solana e facer aquelas preguntas que desexen”.

Solana, que tamén foi ministro de Cultura, Educación e Ciencia e Asuntos Exteriores, conta cunha ampla traxectoria a nivel xeopolítica a nivel internacional. “Para nós é unha satisfacción poder contar cunha figura da talla de Javier Solana, que xogou un papel central na política internacional de finais do século XX e comezos do XXI, sendo protagonista e artífice de grandes logros acadados”. Dende o PSdeG-PSOE de Ourense destacan que este “é un novo acto co que abrir as portas da Casa do Pobo á cidadanía, revitalizando a nosa sede e apostando por un lugar no que a veciñanza se achegue a interactuar cos diferentes invitados e invitadas que nos acompañen”.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.