O Cardeal Baltazar Porras (1944) é actualmente o VI Arcebispo Metropolitano de Mérida, cronista oficial desa cidade e administrador apostólico da Arquidiócesis de Caracas. Este 19 de outubro ofrendou na Catedral de Santiago de Compostela a Santa Misa en honra ao Doutor José Gregorio Hernández, en proceso de beatificación por parte do Vaticano.
Santiago de Compostela acolleu este 19 de outubro a entronización da Reliquia do Beato Dr. José Gregorio Hernández. Que significado ten esta iniciativa?
En primeiro lugar quero agradecer ao Sr. Julián Barrio Barrios (arcebispo de Santiago de Compostela) pola acollida fraterna, a quen coñezo desde hai varios anos e sei da súa preocupación por Venezuela.
En canto ao Doutor José Gregorio Hernández, foi un home polifacético e quen mellor encarna o que é o pobo venezolano, máis aló da súa concepción relixiosa. Foi un home de paz, razón pola que o Papa Francisco, fai algo máis dun ano, nomeouno Copatrono da Cátedra da Paz da súa universidade, a da Sapienza en Roma.
Desde as xestións da súa beatificación comprobamos que a súa figura e a súa mensaxe irradia máis aló das fronteiras venezolanas.
“José Gregorio Hernández foi un home polifacético e de paz”
Por iso a petición que tivemos dende Galicia permitiunos solicitar a Don Julián Barrio Barrio realizar esa Misa de honra, e deixar tamén esta Reliquia Auténtica do Beato José Gregorio Hernández en cada unha das dióceses que configuran a Provincia Eclesiástica de Santiago de Compostela.
En 2021, o Vaticano abriu o camiño para a beatificación de José Gregorio Hernández. Como están a avanzar estas xestións? Reunirase coa súa Santidade para falar deste tema?
Por suposto, teño audiencia co Papa o luns 24 de outubro. Temos tamén unha serie de encontros cos distintos dicaterios romanos, entre eles o da Causa dos Santos, porque recentemente puidemos entregar un posible “milagre”, con posibilidades de ser aceptado polas autoridades eclesiásticas pertinentes. En varias visitas ao interior de Venezuela constatei o fervor popular por quen xa denominan como “San José Gregorio”.
Como ve a situación de Venezuela?
Certamente estamos nun momento moi dividido, tanto na situación interna como externa. É visible falta de diálogo en todos os sectores, principalmente daqueles que senten que teñen unha vocación de poder. É unha contradición observar que, no medio das dificultades que vivimos, vimos unha inxección de diñeiro por diversas vías que pode dar a sensación dunha mellora do país.
E digo isto porque como explicar que xa a ONU fala de máis de sete millóns de venezolanos que emigraron, incluso afrontando as dificultades que existen para saír do país así como as restricións en países receptores, como é o caso de EE.UU e outros países.
Obviamente agradecemos a axuda humanitaria dende o exterior pero debemos ser sensatos. O noso empeño desde a Igrexa católica e a Conferencia Episcopal é que a pastoral social non só é axudar ao necesitado senón tamén promocionar os valores de independencia e autonomía para poder subsistir.
“En Venezuela estamos nun momento moi dividido, tanto interna como externamente”
Notou obstáculos ao labor da Igrexa?
Obstáculos indubidablemente sempre os houbo pero tamén é certo que houbo un crecemento na poboación, en parte produto da necesidade, pero que levou a descubir o valor do que significa a proximidade, a actitude “misericordiosa e samaritana” como o chama o Papa. Debe existir esa capacidade de perdón e de rencontro que, por suposto, non é doado e que require dunha serie de condicións para levala adiante.
Que mensaxe quere enviar aos venezolanos e á súa numerosa diáspora?
A virtude da esperanza é absolutamente necesaria. Debe existir unha actitude positiva na vida, hai que crer nun mesmo e nos demais. A racionalidade que temos os humanos debe servir para buscar camiños de maior xustiza social, de maior sentido de distribución de todas as riquezas, o material pero tamén a espiritual e a capacidade de convivencia.