Ourense | O expresidente da Xunta de Galicia e médico José Quiroga Suárez (Petín, 1920-A Rúa, 2006) recibiu a título póstumo a distinción de Fillo Predilecto da provincia, “como homenaxe e recoñecemento do pobo de Ourense a un dos grandes prohomes da autonomía galega e figura vital no desenvolvemento do autogoberno”, que coa súa contribución “acadou para Galicia catro décadas de benestar e progreso”, segundo recolle a acta do expediente de honras.
A familia do político ourensán recolleu o título nun solemne acto no salón de plenos da Deputación de Ourense, copresidido polos presidentes do goberno provincial, Manuel Baltar, e da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañados polo presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices; familiares do homenaxeado; os alcaldes de Petín -Raquel Bautista- e A Rúa -Álvaro Fernández-; representantes da provincia no Congreso e o Senado; parlamentarios autonómicos, cargos institucionais e membros da corporación provincial.
Manuel Baltar definiu a José Quiroga como un “cidadán preocupado polo progreso e o benestar de Galicia, un partícipe da cousa pública que exerceu con total entrega e dedicación”. Quiroga Suárez desenvolveu, sinalou o presidente do goberno provincial, “con decisión as responsabilidades para as que foi escollido, sen facer da política unha mera ambición persoal, aportando a humanidade da súa vocación médica ó exercicio da acción pública. Actuou sempre así, dende o compromiso cos seus veciños de Valdeorras ata a alta responsabilidade de ser o segundo presidente do Goberno de Galicia”.
Baltar enmarcou a traxectoria de Quiroga -“un Fillo ilustre da Ourensanía”-, na liña de pensamento do compromiso galeguista representando polos ourensáns Antón Losada Diéguez, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas, Castelao e o poeta Ramón Cabanillas, “que transformaría, dende Ourense, o concepto cultural e político de Galicia”.
“Non rachar con nada, aspirar a todo”
O presidente da Deputación reflexionou, parafraseando a Barreiro Rivas e ao seu libro “A terra quere pobo”, arredor dese “fatalismo histórico” de Galicia construído a partir do “encontronazo entre unha cultura tradicional e inmobilista cun contexto político, social e económico suxeito a fortes e ben orientadas dinámicas”. Este choque, valorou Manuel Baltar, orientou o pensamento dos homes de Nós: “Participar, como pobo autoidentificado, como nación cultural, no diálogo e no desenvolvemento global das culturas, das economías e dos procesos políticos. Non rachar con nada, aspirar a todo”.
Manuel Baltar situou a Quiroga no “comportamento ético e telúrico” comezado polas Irmandadades da Fala e que “se fixo visible e acadou altura intelectual cos homes de Nós, que continuou na política co Partido Ourensán Republicano, integrado en 1932 no Partido Galeguista, que remontou a terrible traxedia da guerra civil e da ditadura dende a outra beira do Atlántico, dende Bos Aires”. Unha liña política, sinalou o presidente, “retornada co mesmo espírito, pero en diferentes circunstancias, na transición democrática, cos grupos políticos afíns a Euloxio Gómez Franqueira, militante da Mocidade Galeguista antes da guerra civil e cabezaleiro dunha idea e dunha praxe agrupada en Coalición Galega. Despois viría Centristas de Galicia, formación orientada por un gran amigo de José Quiroga, Victorino Núñez”.
“Ese longo camiño, con idas e voltas, con longas rectas e reviravoltas”, rematou o presidente da Deputación, “serviu de alento a un médico entregado, que chegaría a ser o valedor e a voz defensora, perante o Senado, do segundo Estatuto de Autonomía de Galicia; nobre e sacrificado presidente dunha Xunta que carecía de case todo, pero que soubo suplir as dificultades e os atrancos con valentía e dignidade”.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, enxalzou a talla “física, moral e política” dunha figura que sen esquecer nunca os seus deberes como médico e como pai de familia foi capaz de emprender un camiño cheo de incertezas como foi o da construción do autogoberno galego e a redacción do Estatuto de Autonomía. Asegurou que a homenaxe a Quiroga era tamén un recoñecemento a todos as figuras que traballaron polo autogoberno de Galicia “con poucas ferramentas e moi escasos recursos”.
O presidente do Goberno galego loou tamén o carácter construtivo e dialogante daquela xeración de políticos que, nos tempos da Transición e por encima das diferenzas, “tiñan o obxectivo común de conseguir unha Constitución para España e un Estatuto para Galicia”.
Alfonso Rueda rendeu homenaxe aos que lle precederon na presidencia da Xunta. “Os galegos teñen unha galería de presidentes da que poden sentirse orgullosos -asegurou-. Con independencia da súa cor política, a todos fai falta render tributo porque todos achegaron á obra común que chamamos Galicia”.
O seu fillo José Ramón: “O que máis aprendimos del foi a importancia da familia”
En representación da familia, o fillo do homenaxeado José Ramón Quiroga Gayoso recordou ao seu pai coma un “medico rural dedicado permanentemente á súa familia, e ocasionalmente á política”, do que “aprendimos a importancia da familia, e que a familia pode con case todo”.
Quiroga Gayoso agradeceu, en nome da súa familia, “a todos os que fixeron posible este acto, en especial ao presidente Manuel Baltar, aos alcaldes da Rúa e Petín, e ao senador Miguel Bautista -tamén presente no acto-“.
O profesor e escritor Xosé Luís Barreiro Rivas foi o encargado da laudatio, poñendo en valor a evolución da xeración española “que mantivo a ilusión de construír un país novo, da que foi parte José Quiroga dun xeito activo durante o franquismo e nese bendito proceso que foi a Transición”. Barreiro Rivas definiu ao homenaxeado como un home “bo e xeneroso, que lle entregou a autonomía de Galicia a unha xeración que naquel momento non o soubo valorar en toda a súa profundidade”. E puxo en valor a figura dun “home sinxelo, que fixo o que cría que tiña que facer sen buscar nunca méritos, e que nos deixou en herdanza unha autonomía aparentemente pobre pero co potencial que hoxe vemos”.
O profesor concluíu a súa laudatio lembrando a “Boris Godunov” de Aleksandr Pushkin para reivindicar, citando a obra do poeta ruso, “cambiar o mundo pero conservando as costumes, porque as costumes son a alma da nación”.
“Médico por vocación e político por devoción”
O vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández, en calidade de instrutor do expediente de honra, deu lectura as “meritorias circunstancias persoais e profesionais” que concorren en José Quiroga para a concesión do título, aspectos “determinantes para avaliar as grandes calidades que honran a este persoeiro”.
Rosendo Fernández repasou a traxectoria profesional de Quiroga Suárez, “médico por vocación e político por devoción”, comezando polo exercicio da medicina que practicou na vila de A Rúa durante 50 anos, mesmo compatibilizando esta faceta coa súa intensa vida pública. Alcalde de Petín entre 1953 e 1956, implicouse no ámbito político tralo remate do franquismo.
Foi conselleiro de Sanidade (1977-1979) e presidente da Xunta de Galicia desde xuño de 1979 ata xaneiro de 1982, período no que lle tocou crear as bases da actual estrutura política da comunidade e no que se redactou e aprobou o Estatuto de Autonomía para Galicia. En 1977 converteuse no senador máis votado de Galicia, mantendo este cargo ata 1986. En marzo de 1981 foi o encargado de defender a ratificación do Estatuto galego na Cámara Alta, afirmando entón que esa ocasión “supone tan grande honor que, por sí solo, justifica una vida”.
O solista da Real Banda de Gaitas da Deputación, Marco Foxo, realizou o acompañamento musical do acto, interpretando a “Marcha do Antergo Reino de Galicia”, no comezo, “Concierto de Aranjuez”, na entrega do título de fillo predilecto da provincia, e pechando o acto coa interpretación de “Ourense no Solpor
Un político decisivo na historia contemporánea de Galicia
A biografía de José Quiroga é unha parte fundamental do desenvolvemento político da Galicia democrática. Nacido en 1920 nunha familia de tradición liberal-conservadora, licénciase en Medicina na Universidade de Santiago con premio extraordinario de fin de carreira e diplómase en Cardioloxía pola Universidade de Barcelona. Despois, Quiroga volta a súa terra para traballar na consulta do seu pai. Este vencello a Galicia -e máis concretamente á provincia de Ourense e a súa comarca, Valdeorras- vehiculará toda a súa traxectoria pública e profesional. Tras abrir un consultorio na Rúa, é alcalde deste municipio entre 1953 e 1956. A súa carreira política da un novo pulo coa fundación de
Acción Política Orensana xunto a Eulogio Gómez Franqueira, grupo que se unirá primeiro ao Partido Popular de Pío Cabanillas e despois á UCD de Adolfo Suárez. Coa constitución da Xunta de Galicia preautonómica, José Quiroga asume un papel capital na política galega. Foi conselleiro de Sanidade na etapa de Antonio Rosón (1977-1979), ao que relevará ao fronte do goberno galego. Presidente da Xunta de Galicia desde xuño de 1979 ata xaneiro de 1982, vive en primeira persoa a aprobación do Estatuto de Galicia e a progresiva construción da institución autonómica.
En paralelo mantivo un papel destacado en Madrid. Na lexislatura constituínte de 1977, José Quiroga convértese no senador máis votado de Galicia. Na Cámara Alta estará ata 1986. Tres lexislaturas nas que o valdeorrés realizará unha intensa actividade en materias de sanidade, dereitos humanos ou na comisión do Defensor del Pueblo.
José Quiroga militou posteriormente en Coalición Galega e Alianza Popular. E sempre mantivo aberta a súa consulta na Rúa ata a súa xubilación. Ese medio século de profesión médica axuda a completar o perfil dun home familiar, cunha potente vertente académica e que deixou un profundo recordo entre os seus veciños. Morreu en 2006, co recoñecemento colectivo de contribuír dun xeito decisivo a Galicia dende posicións moderadas, mantidas dun xeito coherente ao longo de toda a súa vida.