Monforte de Lemos | A Casa Consistorial de Monforte acolleu esta mañá a entrega do cuarto Premio Monforte al Ferrocarril, un recoñecemento outorgado pola Asociación Monfortina Amigos do Ferrocarril (AMAFER) e que desta volta recaeu, por primeira vez nunha institución, o “Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular”.
O alcalde de Monforte, e tamén presidente do xurado que outorgou este galardón, José Tomé Roca, fixo entrega do premio á presidenta desta institución, Lara Méndez López, quen estivo acompañada polo secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoan Vázquez Mao.
O alcalde salientou entre os motivos que tivo o xurado para premiar por primeira vez a unha institución coma o Eixo Atlántico, un premio que foi acordado por unanimidade, ”o seu interese, compromiso e defensa do ferrocarril en Galicia, algo que reiteradamente ven manifestando e demostrando esta institución a través do seu quefacer diario”.
En concreto, o rexedor monfortino destacou a organización que o Eixo Atlántico leva a cabo de foros arredor do ferrocarril para o debate así como a aportación de estudos técnicos que vinculan as redes férreas da Eurexión Galicia-Norte de Portugal.
“Todas estas iniciativas e este traballo desenvolto polo Eixo Atlántico, serven como ferramentas para dar a coñecer a “cuestión ferroviaria” e reivindicar o ferrocarril na nosa Comunidade Autónoma, establecendo ademais vínculos sociais e económicos no conxunto da Eurorexión”.
No mesmo senso, José Tomé, salientou que “nos últimos anos, cabe destacar que o Eixo Atlántico leva promovido diversos estudos sobre as liñas ferroviarias das provincias de Lugo e A Coruña. Ou a proposta que presentou no ano 2021 para que se investiran 3.000 millóns de euros para completar o mapa ferroviario en Galicia”.
“En definitiva”, subliñou o alcalde, “a finalidade do premio que entregamos hoxe é recoñecer labor das persoas e das institucións que traballan pola promoción, o estudo e a reivindicación da importancia do ferrocarril para a vertebración de Galicia, e non hai dúbida de que a labor do Eixo Atlántico encaixa perfectamente no espírito deste premio”.
A presidenta do Eixo Atlántico, Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, tivo palabras de agradecemento e destacou que dende o Eixo Atlántico se seguirá a traballar para que a provincia de Lugo en particular e Galicia en xeral, dispoñan da mellor conexión ferroviaria posible e que o ferrocarril serva para artellar as conexións de persoas e mercadorías na Eurorexión Galicia-Norte de Portugal.
O alcalde destacou a importancia que o ferrocarril tivo dende sempre na historia de Monforte, “cidade que ten que seguir xogando un papel principal no desenvolvemento do ferrocarril en Galicia, no que se refire ó transporte de persoas, pero sobre todo, na loxística e no transporte de mercadorías polos camiños de ferro”. E recordou a trascendental importancia da recente chegada do AVE ata Ourense “que supón un fito histórico para a nosa comunidade”.
No acto de entrega destes premios tamén estiveron presentes o resto de representantes das entidades que compoñen o xurado: o deputado da Área de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera Capón, a xefa territorial en Lugo da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, María José Nistal Díaz, o decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia, Enrique Urcola Fernández-Miranda, e o vicedecano do Colexio de Xornalistas, Xosé Manuel Pereiro.
Tamén estiveron presentes o presidente de AMAFER e secretario do xurado, Fermín Avellaneda, a pimeirra tenentye de alcalde, Gloria Prada, o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime Luis López Vázquez, así como varios concelleiros e concelleiras da Corporación municipal.
O galardón Monforte ó Ferrocarril ten carácter bianual. Na primeira edición, celebrada en 2014, AMAFER rendeu homenaxe ó secretario xeral de Transportes do Ministerio de Fomento, José Luis Cachafeiro. Dous anos despois, en 2016, o premio foi para o ex director xeral de Mobilidade, Miguel Rodríguez Bugarín, e en 2018 recolleu o galardor Isabel Pardo de Vera Posada, naquel momento directora xeral do Departamento de Explotación e Construción do ADIF.