Láncara | O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou en Láncara na inauguración da Casa Museo Ángel Castro, Centro de Interpretación da Emigración Galega, que abre as súas portas co impulso da Asociación de Amistad y Solidaridad Láncara – Cuba, á que os familiares de Ángel Castro Argiz lle cederon a súa casa natal para poñer en marcha esta iniciativa.
Ao acto tamén asistiron o embaixador de Cuba en España, Marcelino Medina; o presidente da asociación Amistad y Solidaridad Láncara – Cuba, Antonio Rubén Sobrado Carballo; familiares de Ángel Castro e representantes de institucións públicas e entidades da provincia.
Arias felicitou aos promotores “por facer realidade este museo”, que presta especial atención ao país caribeño e salientou que o centro “nace como unha homenaxe aos galegos que hoxe viven en 147 países do mundo e moi especialmente á impronta galega en Cuba, onde actualmente hai máis de 46.600 persoas de orixe galega, das que aínda quedan 350 nacidas en Galicia”.
O delegado fixo fincapé nas liñas establecidas pola Xunta para fomentar o regreso dos galegos no exterior, con medidas como as bolsas Excelencia Xuventude Exterior, as axudas para facilitar o acceso a unha vivenda ou as achegas ao emprendemento, que só no último ano contribuíron a consolidar máis de 100 novos negocios na Comunidade promovidos por emigrantes retornados.
“O 60% dos beneficiarios foron mulleres e o 75% do total -mulleres e homes- teñen entre 30 e 49 anos, datos que poñen de manifesto a importancia que están a ter estas accións”, explicou.
Así mesmo, subliñou que o Goberno autonómico tamén presta atención aos galegos residentes noutros países, con apoios como os concedidos en 2021 pola Secretaría Xeral da Emigración para colaborar coa comunidade galega en Cuba, destinando máis de 1,6 millóns de euros para chegar a case 6.000 familias.