Tomiño/PPdeG | “Parroquias Primeiro” é o piar inicial do programa co que traballa Lara Meneses de cara a acadar a Alcaldía de Tomiño nas vindeiras eleccións municipais.
“O prioritario son as parroquias, abandonadas durante estes 16 anos de desgoberno do BNG e queremos darlle resposta a todas as necesidades da veciñanza. Todos os tomiñeses pagan impostos independentemente da zona na que vivan, por iso deben ter os mesmos dereitos, e os mesmos servizos, os que habitan no núcleo urbano e os que o fan nalgunha das 14 parroquias do municipio”, explica Meneses.
A candidata do PP á Alcaldía de Tomiño sinala que a veciñanza das parroquias “levan anos pedindo en voz alta solucións a cuestións básicas como o arranxo integral de estradas, evitando os parches que fan que ao pouco tempo volvan á situación de deterioro inicial; coidado e mantemento das zonas verdes, parques e cunetas e, sobre todo, o saneamento para todas aquelas vivendas que non dispoñen dese servizo”. En dar unha resposta a todas estas demandas é co que se compromete Meneses, “chegaremos ao máximo número posible de vivendas, conectándoas á rede de saneamento”, insiste.
Rede de transporte interurbano
O proxecto do PP nas parroquias vai moito máis alá de dar resposta a estas demandas básicas e presenta iniciativas ambiciosas como unha rede de transporte interurbano ao Concello, construír centros de xuntanza veciñal naquelas parroquias que carezan del, crear unha ampla rede de rutas de sendeirismo acondicionadas e sinalizadas axeitadamente, a instalación de parques infantís e tamén outros para persoas maiores, dotar más zonas verdes e sendas peonís nas estradas con elevada perigosidade.