Tui | Laureano Alonso Álvarez (En Marea), concelleiro de Turismo, Patrimonio, Camiño de Santiago e Novas Tecnoloxías, anunciou este 29 de setembro a súa dimisión do seu cargo como edil e cuarto tenente de alcalde dentro do equipo do goberno municipal de Tui, por considerar que o mesmo “non respectou o pacto de investidura” no relativo a modificar a Ordenanza de Lixo.
Deste xeito, e coa renuncia de Alonso Álvarez, o goberno municipal presidido polo alcalde Enrique Cabaleiro (PSOE) queda agora en minoría ata o final do seu mandato en 2023.
En declaracións ao noso xornal, Alonso Álvarez anunciou que pasaba agora “á oposición”, toda vez a Corporación Municipal tudense queda agora composta polo goberno en minoría do PSOE (8 actas) e unha oposición conformada polo PP (3 actas), Ciudadanos (2) BNG (2), Converxencia 21 (1) e En Marea (1).
Argumentou o ex edil que a actual ordenanza do lixo “é lesiva para a hostalería e o comercio local tudense” porque impón unhas “elevadas taxas a determinados establecementos” que, nalgúns casos, alcanzaron “os 8.800 euros, máis caro incluso que noutros concellos como O Porriño, A Guarda ou Vigo”. Por este motivo, o concelleiro de En Marea indicou que moitos establecementos “non puideron traballar durante a pandemia” e víronse na obriga de pedir “aprazamentos por non poder pagar esas taxas”.