Ponteareas | A escritora Ledicia Costas visitará o vindeiro día 20 de outubro o Club de Lectura da Biblioteca Municipal de Ponteareas para falar coas persoas asistentes dunha das súas obras máis importantes: Infamia, a novela coa que o grupo retomou a actividade en setembro.
O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, destaca a visita “dunha marabillosa autora da literatura galega infantil e adulta”, e afirma que os membros do club teñen “unha gran oportunidade para reflexionar sobre a escritura cunha muller da que poden aprender moito”.
As actividades do Club de Lectura enmárcanse dentro do programa de animación á lectura para adultos que realiza a Concellaría de Cultura.
Durante estas xuntanzas as e os membros debaten sobre a obra escollida, sobre o seu estilo literario, a propia acción, os personaxes, a temática… ou incluso sobre experiencias persoais evocadas por cada un dos e das participantes durante a lectura. “Non se trata dunha reunión de especialistas en literatura, senón de persoas ás que lle gusta ler e que atoparán no Club o pracer da lectura compartíndoa con outros veciños e veciñas”, explica Fernando Groba.
Ledicia Costas unírase o vindeiro 20 de outubro á longa lista de creadores como Francisco Castro, Alfonso Pexegueiro, Xavier Quiroga, Santiago Lopo, Juan José Lago Pereira, Juan Xosé Pérez Labaca… que ademais de analizar unha das súas obras, compartiron co Club de Lectura a súa experiencia sobre o mundo do libro e a literatura.
A escritora viguesa é unha das máis recoñecidas do panorama actual da literatura galega. Acumula 20 recoñecementos literarios, entre eles, o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 2015, pola súa obra “Escarlatina, a cociñeira defunta”, dous Premios Lazarillo, é a única escritora galega que acadou este recoñecemento dúas veces, e un Premio Merlín de Literatura Infantil.
O concelleiro destaca ademais que é a autora máis traducida a outras linguas e unha firme candidata a conseguir o primeiro Nóbel de literatura para a nosa lingua.